ALFREDO // Puerto Deportivo Baiona

O BNG chama a toda a veciñanza de Baiona a participar na concentración deste vindeiro venres día 16 de maio as 20.00 horas diante instalacións baixo o lema “Paremos a ampliación do Porto Deportivo”. Procederase tamén a recollida de sinaturas en favor de protexer o noso litoral ante esta agresión.

«O Partido Popular, tanto dende a Xunta de Galiza como baixo os gobernos de Almuíña, están a esnaquizar a baía de Baiona seguindo unha folla de ruta iniciada fai máis de 20 anos», afirman os nacionalistas.

Afirman que daquela o BNG xa «o avisou e seguimos opinando o mesmo. Agora coa certeza que viñamos advertindo, de que as praias ían verse afectadas pola modificación das correntes mariñas, consecuencias non só paisaxísticas senón tamén ecolóxicas, medioambientais e para o sector pesqueiro».

Esta última ampliación do Porto Deportivo «é a culminación deste atentado para o litoral de Baiona e converterá definitivamente o noso concello nun espazo de explotación turística voraz que afecta directamente na vida da veciñanza. A problemática da ampliación do Porto Deportivo non só nos vai afectar a nivel ecolóxico senón tamén económico», aseguran.

Dende o BNG recalcan que a estampa «que nos deixa a salvaxe explotación do noso litoral é desoladora, cada vez vemos mais iates e embarcacións de recreo que barcos de pesca, o porto pesqueiro é diminuto se o comparamos cos portos deportivos que temos na Vila». «Queren vendernos este ampliación coma unha oportunidade: mais prazas de aparcamento, mais espazo comercial e mais amarres».

Para o BNG a tradución é ben sinxela: «Mais fomento da turistificación de Baiona na contra de traballar para a veciñanza. Xa é unha realidade que o turismo masivo e estacional que sufrimos colapsa as oportunidades de mercar ou alugar unha vivenda. Para mostra a proliferación de inmobiliarias especializadas. En consecuencia a veciñanza de Baiona ten que marchar a outros Concellos para poder vivir», apuntan.

Indican que as oportunidades de emprendemento en Baiona son limitadas ou inexistentes fóra do sector turístico e lonxe do mes de xullo e agosto, «e como mostra a infinidade de establecementos que pecharon e que están a pechar».

O BNG reitera a preocupación polo desastre medioambiental e paisaxístico que vai supor esta ampliación de máis de 4000 metros cadrados na nosa baía, «igual que xa o fixo o primeira fase, non só coa modificación da circulación da correntes mariñas, senón tamén coa contaminación que supoñen máis embarcacións e coas novas restricións de zonas de pesca que isto traerá consigo».

«O BNG sigue a opoñerse a ampliación, sexa con formigón ou sobre piares, xa que a problemática non só afecta ao medio ambiente en xeral, a ao mariño en particular, prexudica a paisaxe, ao noso sector pesqueiro e incide aínda máis na problemática da vivenda e, en consecuencia, á calidade de vida da nosa veciñanza», rematan.