Seguindo os acordos da asemblea celebrada o domingo 11, a Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos concentrouse hoxe, martes 13, fronte ao Concello como medida de presión para mellorar a comunicación do Goberno coa veciñanza así, como continuar coa reclamación dos servizos básicos.
Nesa mesma asemblea tamén se fixo unha valoración dos documentos aprobados na
sesión plenaria do pasado mes de abril como parte do que será o contrato de
concesión de servizos de abastecemento de auga potable e saneamento, este último
até agora un servizo municipal que pasará a xestionarse de forma privada. O acordo
plenario está en período de consulta pública e presentación de alegacións.
A Plataforma fai fincapé na forma que ten de traballar o Goberno “dista moito do que se
entende como boa xestión. A nosa impresión é que está sacando proxectos que tiña
metidos nun caixón sen criterio nin priorización para calar á xente e aparentar estar
facendo algo. Temos dúbidas, á vista do debate xurdido no pleno, de que todos estes
proxectos cumpran o requisito para ser aprobados e finalmente executados”. Pero por
riba de todo, o que botan en falta é a «interlocución coa veciñanza, e ante esta situación,
a única opción que nos queda é a mobilización e a protesta, para facernos ver e oír”.
A empresa que acade a concesión terá que investir preto de 1.700.000 euros nos dous
primeiros anos e o Goberno local pretende que estes proxectos sexan os primeiros en
se realizar. “Non sabemos se a empresa poderá levar a cabo estas obras. Antes de
todo terán que valorar se as instalacións antigas soportarán as novas estruturas e ao
mellor gastarán os preto dos dous millóns soamente en actualizacións. É o que é máis
importante, Cando será esta licitación? Nun ano, en dous?, e mentres tanto, Que
facemos?”.
Nesta nova concentración, ao grito de “se a pozo negro cheira e por culpa de Ferreira”
ou “saneamento integral, para todo Gondomar”, a veciñanza pediu solucións a curto e
medio prazo aos seus problemas “hai veciños aos que se lles está cobrando a taxa do
saneamento sen ter conexión, hai veciñas aos que o bombeo municipal lles devolve as
augas fecais ao domicilio saíndo estes restos pola bañeira, hai veciños que gastan
centos de euros en baleirar a súa fosa ou pozo negro… hai moitos veciños sen
servizos básicos”, rematan.
