O BNG vén de facer público que o Alcalde retirou «dúas partidas para investir no Monte Trega por un valor de 365.000€ contempladas no Plan de Sostibilidade Turístico da Guarda. A contía desta subvención supera en 112.500€ o orzamento total do padroado do ano 2024».
Na sesión celebrada no día de onte do Padroado do Monte Trega, Xosé Manuel Méndez, o representante do BNG neste organismo, recriminoulle ao alcalde que “en vez de aproveitar este plan para dinamizar e poñer en valor o monte, fai todo o contrario e toma a decisión de non investir nin un céntimo nel, desentendéndose deste xeito do maior recurso patrimonial que posúe A Guarda”, indica.
O nacionalista na súa intervención afeoulle ao alcalde que “nos dous anos que leva como presidente do Padroado, non presentou nin unha soa proposta para potenciar, dinamizar e protexer o Trega. A súa estratexia limítase a espallar o falso relato de que este órgano non é funcional, cando en realidade fora de algúns axustes que si son precisos, quen provoca que sexa inoperante é vostede, con unha xestión aberrante como se demostra coa renuncia a dúas partidas por un total de 365.000€”.
