O BNG de Gondomar lamenta o trato desigual por parte do goberno local coas festas e eventos parroquiais de verán. Para a organización nacionalista é un gran desacerto deixar varias celebracións parroquiais fóra da ‘Programación Verán 2025’ publicada nas redes sociais fo Concello.
A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, sinala que tendo en conta a demora da publicación desta programación de Gondomar, “chama a atención a asimetría coa que son tratadas as parroquias neste concello”. O alcalde e o seu equipo volven deixar de lado o traballo cultural das entidades veciñais e das comisións de festas.
Indican que aínda que, despois das críticas de anos anteriores por ignoralas, agora inclúan na publicidade da axenda municipal celebracións que corren por conta dos veciños coma as festas ‘patronais’, non o fan con todas as parroquias. “Tan difícil sería que a responsábel de Cultura contactara coas parroquias para coñecer e comprobar o encaixe das datas destes eventos?”, pregúntase Rodríguez Pumar.
Así, por exemplo, “non recollen nin a festa gastronómica deste domingo en Chaín nin a semana cultural de Mañufe que comeza hoxe mesmo. Tampouco figuran as festas do mes de xullo en Vincios, nin as de Borreiros, Chaín, Donas ou Peitieiros, en setembro”, explica Rodríguez Pumar.
Entre as datas esquecidas tamén se atopa o Festival Folclórico Internacional de Peitieiros, un evento de prestixio e de longa traxectoria –este ano chega á súa trixésimo primeira (31ª) edición–, e que sempre se celebra o penúltimo sábado de agosto. “O Concello non só non o ten en conta, senón que mesmo o contra-programa cunha actividade no centro da vila ao mesmo tempo”, lamenta.
A discriminación tamén é económica
Máis, para o Bloque, o trato máis claramente discriminatorio é que o Concello pague as festas de San Bieito da Vila de Gondomar, “é dicir, que as pagamos todos”, mentres que as das restantes parroquias teñan que depender do traballo voluntario e da recadación conseguida polas comisións de festas.
A voceira do BNG trasladará varias preguntas ao Alcalde no pleno que se vai celebrar o vindeiro mércores. Por un lado canto custan esas festas, porque “sabemos que se van pagar desde as arcas públicas, mais decoñecemos o importe”; e por outro canto achega o Concello as festas e eventos de cada unha das demais parroquias. “A veciñanza ten dereito a saber se tamén neste caso, ao igual que ocorre con outros investimentos, o centro da vila sae gañando”, indica Rodríguez.
A concelleira considera que “o trato desigual despreza o esforzo das persoas que desde os colectivos parroquiais traballan arreo e voluntariamente para ofrecerlle aos seus veciños e veciñas actividades culturais todo o ano”.
