GOOGLE MAPS

Unha moción sobre as beirarrúas de Borreiros presentada este luns polo Bloque Nacionalista Galego obriga ao Alcalde de Gondomar a saír anunciando que ‘están a preparar un proxecto” para resolver os problemas de inseguridade viaria que padecen na estrada principal que atravesa esa parroquia.

A estrada en cuestión, que vai do barrio do Telleiro á Sabarís, dá servizo a unha zona sensible, inmediacións e acceso a un colexio e un centro de día, e con gran volume de tráfico ao ser unha vía utilizada como alternativa para evitar os atascos do cruce da Ramallosa nos desprazamentos entre Gondomar e Baiona.

A iniciativa nacionalista, que será debatida no pleno deste xoves, “insta ao goberno local a cumprir o compromiso de solución adquirido por Ferreira hai máis de seis anos coa veciñanza de Borreiros e que leva incumprido até agora”, explica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

O único movemento por parte do goberno local foi a presentación, en xaneiro de 2024 nunha xunta de portavoces, dun estudo técnico que contemplaba diversas solucións para a execución dun itinerario peonil nesa estrada. A proposta para conectar Borreiros co centro urbano da Ramallosa daba até tres alternativas construtivas posíbeis, marxe dereita, marxe esquerda ou alternas, en función de como se acometeran as obras e os retranqueos dependendo da consolidación e dos elementos patrimoniais e/ou tradicionais que afectaran en cada caso.

O que o Alcalde trasladou daquela foi que a proposta, ademais de que tiña que ser estudada polo departamento técnico do Concello para ver a súa viabilidade e encaixe no planeamento urbanístico, ía ser exposta á veciñanza de Borreiros para que esta puidera valorar as distintas opcións.

Nesa mesma xunta apuntouse por parte do arquitecto municipal que, dadas as normas urbanísticas vixentes e as características do itinerario, a solución posiblemente pasaría pola redacción dun plan especial. Este extremo foi valorado polo Alcalde que verbalizou que se estudaría desde o departamento de urbanismo. “Mais logo non cumpriu ningunha das dúas ‘promesas’, lamenta Rodríguez.

Dado que o horizonte temporal da solución definitiva non semellaba próximo, o BNG solicitou a implementacion, á maior brevidade posíbel, de medidas transitorias de calmado de tráfico físicas, de pintado e sinalización, proposta que foi tomada en consideración polo goberno local.

Pero co que non contaban nin o BNG nin a veciñanza era con que esas actuacións acabarían incrementando o perigo nalgúns puntos, cunetas fondas sen cubrir con risco de caída, espazos para os peóns máis achicados, sinais confusos. Ou o que é peor, que segundo declaracións recentes do Alcalde, esa ‘mellora’ ía ser todo o que se fixera nesa estrada.

Por iso presentamos a moción, para demandar o cumprimento dos compromisos adquiridos á maior brevidade posible e, no inmediato, resolver as deficiencias máis salientables das actuación realizadas nas obras da suposta mellora da seguridade viaria. E, á vista a reacción do Alcalde, desde o BNG “celebramos o efecto da nosa iniciativa” e que Ferreira anuncie que “está a preparar un proxecto”.

Mais para o BNG “chama a atención que as imaxes coas que o Alcalde acompaña o ‘anuncio’ sexan as mesmas que as do estudo de 2023, ese que o propio Ferreira desbotaba até hai ben pouco por problemas de encaixe nas normas urbanísticas do concello”. Aínda así, polo ben da parroquia de Borreiros, “agardamos sinceramente que o anuncio non sexa unha nova promesa convertida en fume das que acostuma Ferreira e solicitamos que desta vez abra o proxecto a participación veciñal antes de aprobalo”, trasladan.