O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comparece por terceiro ano consecutivo no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2026.

Unha intervención na que o dirixente informou do contido dunhas contas que aumentan nun 13,6% para situarse nos 238,6 millóns de euros, 243M€ na versión consolidada, e que volven ter a cooperación cos 61 concellos da provincia e o impulso ao deporte, ao turismo e ás infraestruturas como os principais piares. “Desde o 1 de xaneiro de 2026 a Deputación de Pontevedra disporá de 238,6 M€, unha suba de preto de 29 M€ con respecto ao pasado ano. Son os máis altos da historia da provincia e, alén da contía global, volven reforzar os principais eixos de goberno da nosa institución”, remarcou o presidente López.

Diante de representantes dos tres grupos políticos con representación na cámara autonómica, o mandatario provincial debullou os detalles das principais liñas do orzamento comezando pola principal, “o eixo número un é o financiamento dos concellos”. Neste ámbito, López salientou que “novamente o orzamento volve destinar un de cada tres euros a apoiar os investimentos, a creación de emprego ou o pago de facturas por parte dos concellos; tres tarefas que, a día de hoxe, poden ser extremadamente difíciles para algúns”.

Neste sentido, fixo fincapé en que a principal competencia da Deputación é a asistencia aos concellos con menos recursos. “Nada nos desvía daquilo que xustifica a propia existencia dos gobernos provinciais: a atención aos pequenos e medianos municipios, que en Pontevedra son 59 de 61. Serán eles, os de menos de 50.000 habitantes, os que se beneficien dunha inxección sen precedentes de 128 M€”, defendeu facendo referencia ao financiamento de servizos como o SAF ou a asistencia á hora de redactar informes e proxectos como a programas impulsados polo seu goberno pensados para estes concellos como o +Provincia, que acada a cifra inédita de 50M€ e por primeira vez permitirá anticipar fondos da anualidade do 2027; o segundo Plan Extra (35M€) ou o terceiro Plan Extraoridnario de Infraestruturas Deportivas (8M€).

“A Deputación dos 61 concellos”

Con todo, a coidada atención aos concellos pequenos non é impedimento para reforzar a colaboración coas dúas grandes cidades da provincia: Vigo e Pontevedra. De feito, en pouco máis de dous anos de goberno, Luis López mantivo encontros institucionais con todos os alcaldes da provincia, a maior parte deles por partida dobre, ademais de visitas semanais a concellos de todas as comarcas.

“Non somos nin seremos unha Deputación de 2 cidades ou de 59 pequenos concellos. Somos a Deputación de toda a provincia de Pontevedra, dos 61”, deixou claro Luis López para detallar a continuación que no vindeiro ano a Deputación volve reservar 7,5 millóns de euros para que os concellos de Vigo e Pontevedra financien proxectos con cargo a fondos provinciais.

A maiores, a Deputación impulsa proxectos en ambas as dúas cidades que disparan o investimento provincial moi por enriba deses recursos reservados para convenios bilaterais. En Vigo, “que ten 100M€ máis de orzamento que toda a provincia xunta”, a Deputación está presente en Balaídos, cun aportación de 13,3M€ para a grada de Gol dos que a metade están incluídos neste orzamento; no barrio de Teis, cun investimento de 5M€ (o 70 % do total) para a piscina municipal; no Cine Fraga, cunha nova achega de 1,2M€ no ano 2026 que se sumen aos 4,5M€ destinados pola Deputación para a súa compra en colaboración coa Xunta; e outros 20M€ repartidos en distintas actuacións en todos os eidos.

En Pontevedra, “cuxo orzamento supera aos catro concellos seguintes en tamaño”, están reservados 216.000€ para preparar a Bienal do ano 2027 despois do investimento neste 2025 de 1,7M€ para un regreso triunfal; o Museo dispón neste documento dunha partida de 8M€; a reforma de Santa Clara está dotada con 7M€, Príncipe Felipe recibirá a maior inxección da historia con 5M€ e a colaboración para organizar eventos estratéxicos como as Series Mundiais de Tríatlon ou a entrega dos Premios Feroz cífrase 400.000€. Neste sentido, lamentou o dirixente provincial que os rexedores destas dúas cidades esixan máis recursos á Deputación cando non o fixeron cando gobernaron a institución durante oito anos ou mesmo cando non alzan á voz para facer reclamacións ao Goberno central.

Impulso á provincia do deporte

Para que Pontevedra siga sendo a provincia do deporte, o executivo de Luis López reforza esta área con 8,6M€ de orzamento (unha suba do 35 %) cun amplo paquete de iniciativas entre as que sobresaen a creación do primeiro Plan de Equipamentos Provincia do Deporte (Prodeporte) dotado con 1,8M€ para mellorar as instalacións de titularidade de clubs, asociacións ou entidades; a multiplicación por tres ata acadar o millón de euros o crédito da segunda convocatoria de Depo Van, o plan de axudas para a adquisición de vehículos para entidades deportivas; a ampliación o apoio aos deportistas de alto nivel e aos clubs, a organización da Cátedra do Deporte coa Universidade de Vigo, o reforzo das axudas aos concellos para a organización de eventos deportivos con repercusión turística e coa creación da Rías Baixas Sports Comission para captar eventos deportivos de alcance nacional e internacional. “Propuxémonos converter a Pontevedra na provincia do deporte, e seguimos actuando a todos os niveis”, sostén o presidente.

A aposta polo turismo tamén sobe para o vindeiro ano a través do reforzo das políticas de Turismo Rías Baixas para seguir avanzando na internacionalización, na calidade e na descentralización do destino cun investimento de 7M€ que inclúe máis apoio aos concellos e o reforzo a unha das grandes referencias do destino como son os Rías Baixas Fest, que contará cunha suba do 47 % no seu orzamento para incorporar novos festivais. O orzamento do servizo de Cultura elévase nun 15 % para seguir á vangarda con accións como a exposición por primeira vez na historia do Museo da obra cume de Castelao, “A derradeira Lección do Mestre”; ou programas pioneiros como o da compra de vestiario e instrumentos para bandas de música.

A área de Benestar Social é outro dos servizos que recibe un importante impulso de cara ao vindeiro ano cunha suba do 15 % para incorporar medidas novidosas como unha liña de apoio para a adquisición de vehículos por parte dos colectivos e un pulo sen precedentes a Príncipe Felipe. Así mesmo, a atención aos colectivos mantense como unha das bandeiras do goberno de Luis López, que seguirá no 2026 ao carón dos colectivos veciñais co reforzo de iniciativas tan ben acollidas como o +Convivir ou as axudas para reformar locais sociais; das comunidades de augas, cos plans +Aqua, Novaqua ou a Oficina de Transformación Comunitaria.

Infraestruturas, mobilidade e reto demográfico

A partida para o servizo de Infraestruturas crece nun 56 %, ata os 38M€, para seguir mellorando a seguridade dos 1.600 quilómetros da rede viaria provincial e tamén para impulsar proxectos como a redacción do proxecto da Vía Verde desde Redondela a Pontevedra e relanzar o transporte público no rural con programas como Conecta Rural. Do mesmo xeito, o goberno de Luis López seguirá alzando a voz para reclamar un mellor servizo para o aeroporto de Peinador, que o de Vigo sexa nomeado porto nodal, que a liña de AVE entre Vigo e Porto sexa unha realidade canto antes e que a AP-9 sexa dunha vez gratuíta e transferida a Galicia.

O presidente da Deputación volveu remarcar a importancia que ten comparecer cada ano na Comisión Terceira de Economía e Facenda, o foro recollido polo Estatuto de Autonomía, para presentar os orzamentos. Un debate no que a Deputación de Pontevedra estivo ausente durante os sete anos anteriores á toma de posesión de Luis López como presidente da Deputación. Unha comparecencia na que tamén fixo referencia á boa saúde económica da que goza o organismo provincial que, despois de que o goberno de Luis López tomara a decisión de liquidar a débeda contraída polo anterior goberno para o financiamento do programa ReacPon, actualmente a Deputación pode presumir de ter débeda cero.

“Para min intervir aquí non é unha posibilidade legal, é unha obriga institucional e unha oportunidade política que compartimos e aproveitamos o resto de presidentes das provincias galegas”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra.