O BNG inicia o vindeiro luns as asembleas veciñais para escoitar a veciñanza e para informar sobre a taxa do lixo nas parroquias de Gondomar. Na rolda de reunións, que comeza o luns 10 de novembro en Peitieiros e nas que participará a portavoz municipal Manuela Rodríguez, tamén se informará sobre a campaña que o Bloque está a desenvolver a prol da mellora da mobilidade nas estradas do concello.
Tal como xa adiantara, a organización nacionalista vai realizar unha rolda de xuntanzas para poñer en común alegacións e emendas á ordenanza presentada polo goberno local. Ademais o BNG facilitará copias dun modelo de alegación/emenda para que veciñas e veciños poidan presentalas directamente no Concello.
Rodríguez insiste na importancia deste proceso, “porque, digan o que digan os titulares de prensa desenfocados ou os comentarios interesados dalgúns dirixentes políticos, a nova ordenanza do lixo aínda NON está aprobada”, lembra. “Queda por diante o período de exposición pública, para presentar todas as alegacións ou emendas que se estimen pertinentes. Se o goberno do PSOE non modifica a ordenanza para facela menos gravosa e máis xusta, o BNG votará en contra e daquela, se toda a oposición fai o mesmo, Paco Ferreira non poderá aprobala.”
Este é o calendario da primeira rolda coas reunións que xa teñen programadas e que completarán con novas datas a medida que se vaian concretando.
O BNG convida á veciñanza a se achegar ás asembleas convocadas nas que, ademais de expoñer a súa posición e responder ás cuestións que se formulen, trasladarán propostas de modificación da ordenanza que acrecentarán con achegas do público asistente.

