O BNG afirma que no último pleno, o responsable municipal no tratamento dos residuos, o concelleiro Carlos Martínez, «non lle deu reposta a ningunha das deficiencias na xestión dos residuos que presenta o noso concello».
Os nacionalistas recórdanlle ó equipo de goberno que ten «a obriga do seguimento do cumprimento do contrato coa empresa adxudicataria«. De maneira que, «se hai anomalías no funcionamento do servizo, deben iniciar as accións correspondentes para que se solucionen. O non cumprimento dos requirimentos pode resolverse nun proceso de revogación do servizo».
A falta de adecuación á normativa vixente europea sobre o tratamento dos residuos e as deficiencias deste procedemento son produto «dunha falta de compromiso co cumprimento das súas funcións por parte do Concello«, sinalan e indican que, «ten a responsabilidade de asumir que este é un servizo deficitario e debe pór as medidas necesarias para solucionalo».
“Estamos ante un novo caso en que Alejandro Lorenzo e o seu equipo non aborda un problema de xestión por ser incómodo e ir en contra do seu modo de funcionar populista. Sacrifícase o bo funcionamento dos servizos do concello por unha necesidade de quedar ben e de busca de popularidade. Debemos recordarlle ó PP que están nas administracións para gobernar”, rematan.
