O BNG de Gondomar denuncia a dobre vara de medir do alcalde na aplicación das ordenanzas municipais. A organización nacionalista volve cualificar como «represalia política» a apertura do expediente sancionador que obrigou a retirar a cartelaría da campaña do Bloque a prol da seguranza viaria e da mellora da mobilidade nas parroquias do concello.
Desde o BNG afirman que, «lonxe do publicado nun medio informativo onde Ferreira declara que se trata dun proceso estritamente administrativo, a decisión de abrir este expediente obedece a unha decisión política do goberno do PSOE para taparlle a boca a quen reivindica e pon voz ás demandas da veciñanza».
En alusión ás declaracións do alcalde, a portavoz municipal Manuela Rodríguez apúntalle que “non hai aplicación igualitaria das ordenanzas cando o propio goberno municipal, co seu alcalde á cabeza, pode incumprir impunemente a mesma ordenanza que lle aplica ao BNG para sancionarnos”.
A Ordenanza Municipal de Medio Ambiente di no seu artigo 56, referido ao uso das zonas verdes públicas, «que todas as persoas, tanto físicas como xurídicas, deben absterse de calquera acto que poida danar o arborado». E no 58, en que fala da protección de elementos vexetais públicos, di expresamente que «non se permitirá ningunha manipulación realizada sobre as árbores», nin «atar os mesmos calquera outro elemento».
Ben ao contrario da norma e “por capricho do alcalde”, cada ano «procédese á pelado salvaxe, folla a folla, do liquidámbar de gran porte situado no xardín público onde se atopa a figura de Don Diego Sarmiento de Acuña, á beira da Avenida Elduayen, en pleno centro de Gondomar, co único obxecto de lle colocar uns milleiros de luces led».
A portavoz do BNG asegura que o fixérono este ano tamén, como cada Nadal, «saltándose a normativa e contrariamente ao que especialistas en arboricultura indican respecto dunha especie que non precisa poda, a Liquidámbar styraciflua, que hai cualificar o pelado deste exemplar como unha verdadeira agresión ambiental».
Indica Rodríguez que non é a primeira vez que Ferreira usa a súa dobre vara de medir. «No hai moito criticaba a un colectivo veciñal por se facer unha foto ‘pisando o céspede’ durante unha protesta, cando el publicaba en redes sociais unha sesión de fotos súas dese mesmo día e pisando esa mesma herba».
“Non, Sr Ferreira, en Gondomar non ‘todos somos iguais ante a lei’ como vostede di”, recrimínalle a voceira nacionalista. “Non só porque poida vostede saltarse a súa propia normativa sen ningunha consecuencia, tamén porque ‘mira para outro lado’ diante doutras infraccións, ambientais ou urbanísticas, bastante máis graves, que pola súa inacción poden derivar en danos irreparábeis”.
Desde o BNG teñen claro que “cando recorre a expedientes sancionadores para acalar a crítica; cando censura autoritariamente o cuestionamento do seu labor ou cando boicotea desde a poltrona as actividades promovidas por entidades discrepantes coas súas políticas, o alcalde pon en evidencia as súa preocupación polo desgaste real da súa figura pública, cada máis dependente da propaganda para a súa supervivencia política”.
