O BNG recada o apoio maioritario do Pleno ás súas proprostas para loitar contra a violencia machista. Os acordos da moción do BNG recollen o recoñecemento de que o negacionismo da violencia machista é unha forma de violencia machista e o compromiso de reforzar dos servizos públicos e incrementar os recursos do sistema de protección e atención ás vítimas.
A moción, presentada pola portavoz municipal do BNG Manuela Rodríguez, recolle unha batería de propostas destinadas globalmente a incrementar os recursos para erradicar e previr a violencia de xénero por parte das administracións estatal, galega e local.
A proposta das nacionalistas demanda do goberno do Estado á creación do xulgado específico de violencia sobre a muller en Pontevedra, para garantir que “todas as mulleres en situación de violencia teñan acceso a unha xustiza especializada e próxima, sen diferenzas territoriais”, tal como foi recollido no acordo de investidura.
Canto ao goberno da Xunta, a moción do BNG reclama incrementar persoal e orzamento destinados a prevención e sensibilización e a aprobar un plan estratéxico específico para a loita contra a violencia machista. En particular, a recuperación para o público dos centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e o reforzamento dos centros de información á muller (CIM) nos concellos.
No que respecta á Deputación desde o Bloque instan a reforzar e potenciar a área de igualdade, revertendo a redución de orzamento desta área nos últimos anos, de xeito que permita “incrementar as políticas de promoción da igualdade e o desenvolvemento de iniciativas de loita contra a violencia machista en colaboración cos concellos”.
Xa no ámbito local, a iniciativa do BNG reclama que o Concello de Gondomar “se habilite unha partida específica para a área de Igualdade” e insta ademais a que o Concello “se dote dun protocolo contra a discriminación e o acoso laboral ou sexual ao que está obrigado”.
No debate da moción, Manuela Rodríguez alertou de que “os datos do Ministerio do Interior (VioGén) para Pontevedra revelan que hai un incremento de case un 13% de vítimas baixo protección (1920 mulleres), con respecto ao mesmo período do ano pasado”. Engade ademais que a Fiscalía Xeral subliña que esta é a provincia máis lenta de todo o Estado en avaliar ás vítimas con atrasos de ata 14 meses para emitir informes imprescindibles para fundamentar sentenzas.
Este motivos, sumados ao alarmante avance do negacionismo da violencia de xénero “fan necesaria a adopción das medidas aprobadas e a súa execución inmediata”, reclamou Rodríguez.
