O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar vén de editar un novo boletín informativo no que dá conta dalgunhas das súas iniciativas políticas dos últimos meses, encamiñadas a mellorar da calidade de vida da veciñanza do concello, ademais dunha entrevista á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
No voceiro, o BNG fai mención da súa campaña a prol da seguridade viaria, que foi prohibida e multada con 600€ “porque a Ferreira non lle gustan as reivindicacións da veciñanza, prefire un Gondomar caladiño”, indican.
Tamén denuncian que “o alcalde desprezou as alegacións á ordenanza do lixo” e como acabou impoñendo unha norma inxusta e que non incentiva a redución de residuos.
O boletín recolle ademais unha relación de todas as accións polo saneamento integral do concello que o BNG desenvolveu desde o 2021 até hoxe, contrapoñéndoas coa “inacción e o desleixo” do desgoberno de Ferreira.
Xa no ámbito da Xunta de Galicia, a publicación do Bloque recolle que “o PP de Rueda actúa contra os intereses do Val de Miñor” por rexeitar todas e cada unha das emendas presentadas pola organización nacionalista aos orzamentos para 2026, o que supón deixar de investir 21 millón de euros no conxunto dos tres concellos.
Por outro lado, inclúe tamén información sobre a presentación de iniciativas e alegacións para instar ao goberno da Xunta a desbotar a instalación dos novos parques eólicos proxectados no espazo natural da Serra da Groba e que afectan directamente aos concellos de Oia, Baiona e Gondomar.
O folleto informativo, que se pode consultar nesta ligazón Boletín, pecha cunha entrevista a Ana Pontón en que a voceira nacional do BNG reivindica que “a política debe estar ao servizo das maiorías e non para protexer os privilexios duns poucos”.
Xa por último, conta tamén co espazo Contacta co BNG! onde figuran os enderezos das redes sociais e un teléfono a disposición de quen quixer contactar co Bloque de Gondomar.
Para alén do envío electrónico, o Bloque repartirá a través do servizo de correos unha tiraxe de 4.000 exemplares impresos que serán repartidos nos vindeiros días nas distintas parroquias do concello.
