Carlos Gómez Prado

O PSOE asegura que o PP de Baiona «volveu bloquear unha proposta clave para o futuro do municipio, votando en contra da creación dunha residencia pública de maiores para o Val Miñor«.

A proposta socialista partía dunha realidade incontestable, «o envellecemento da poboación e a falta total de prazas públicas na comarca, cunha necesidade de centos de prazas residenciais para atender á poboación maior».

Os socialistas indican que durante o debate «quedou en evidencia algo máis que unha simple discrepancia política. Houbo dúbidas reais no propio grupo de goberno sobre o sentido do voto, e a concelleira de Servizos Sociais chegou a recoñecer a necesidade de reforzar os servizos de coidados de proximidade».

«A crise interna no goberno de Almuiña é evidente». Hai división e hai crise no PP de Baiona. Nin eles mesmos teñen claro o que están votando, pero acaban someténdose á decisión do alcalde”, denuncian dende o PSOE e matizan que a decisión final estivo marcada «pola posición do rexedor. Almuiña negouse a esixir nada á Xunta de Galicia e acabou impoñendo o voto en contra do seu grupo, tumbando así a proposta».

“Recoñecen que fai falta, teñen dúbidas, pero votan en contra porque así o ordena o alcalde. Non hai criterio, hai imposición”, sinalan. Ademais, o grupo socialista critica duramente a actitude do alcalde durante o pleno, «impedindo en varias ocasións que se rematase a exposición da proposta, interrompendo de forma constante o debate». Non só vota en contra, senón que nin sequera deixa explicar as propostas. É unha forma de actuar autoritaria e impropia dun alcalde”, denuncian.

«Almuiña non aceptou nin unha soa proposta da oposición. Nin fai, nin deixa facer», afirman os socialistas. En tres anos de mandato, Almuiña «non aceptou ningunha proposta do PSOE de Baiona cando implica reclamar algo á Xunta de Galicia».

Para os socialistas, isto evidencia un problema de fondo, «un alcalde máis preocupado por non molestar á Xunta que por defender os intereses de Baiona». Esta actitude se produce nun momento especialmente delicado para o goberno municipal, «marcado polas sospeitas de ocultación de información no caso da presunta incompatibilidade do concelleiro de Urbanismo», din.

Almuiña é consciente da debilidade do seu goberno e intenta bloquear calquera proposta que poña en evidencia a súa falta de xestión”, sinalan. “Mentres o alcalde paraliza Baiona, o PSOE ten proxecto, propostas e está na rúa escoitando á xente. Cada día recibimos novas iniciativas para mellorar o noso municipio”, indica o exalcalde, Carlos Gómez.