O BNG denuncia o ‘irresponsábel atraso’ na execución das obras para reducir os efectos das enchentes no concello de Gondomar, tantas veces anunciadas polo goberno da Xunta.
A deputada nacionalista Carmela González solicitara a Augas de Galicia unha copia do novo proxecto para a prevención das inundacións. A resposta da Consellaría de medio ambiente e cambio climático di textualmente que o proxecto denominado ‘Mellora da drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns’, está “actualmente en fase de supervisión técnica”. Así mesmo, indican que o proxecto, subsceptíbel de modificacións técnicas e administrativas, deberá ser aprobado definitivamente unha vez rematada a fase de supervisión.
Para González a constatación por escrito de que ‘aínda non hai documento final validado pola Administración’ vén ser “a confirmación dun novo incumprimento de Augas de Galicia, que prometera o inicio das obras para este verán”.
Máis de 14 anos de ‘irresponsábel atraso’
As obras que afectan á confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, proxectadas en 2012 e que non foron adxudicadas até novembro de 2022, nunca se levaron a cabo porque goberno galego do PP e goberno local do PSOE non deron acordado un plan de execución. Aquel proxecto quedou desbotado dous anos despois, “mentres en Gondomar se sucedían os desbordamentos”, lembran desde o BNG.
En febreiro de 2025 a Xunta anunciou a remodelación do proxecto inicial e en xullo publicaba que ía sacar a licitación un novo proxecto por un valor de 3,5M€ cuxas obras se ían iniciar no veran deste ano. “E a esta altura do ano contestan que aínda non hai proxecto definitivo?”, pregúntase a portavoz municipal do BNG Manuela Rodríguez.
González e Rodríguez lembran que o atraso é o resultado de anos de desencontros e acusacións cruzadas entre a Xunta e o Concello, “PP e PSOE poñendo sempre os seus intereses partidistas por riba interese da veciñanza”. Lamentan que a resposta da Consellaría faga pensar que a suposta solución ás enchentes aínda está lonxe e que manteña a incertidume para a veciñanza afectada polos asolagamentos, e anuncian que o BNG seguirá a facer seguimento da evolución do proxecto e das actuacións en Gondomar.
