O PSOE de Baiona denuncia o estado de «abandono absoluto» no que se atopa o municipio «baixo o goberno de Almuiña, incapaz de xestionar nin os servizos máis básicos» mentres o PP de Baiona e o Concello atravesan unha «crise interna permanente».

Os socialistas afirman que en agosto de 2024, «o goberno do PP aprobaba un novo contrato privatizado para o mantemento de zonas verdes que triplicaba o gasto público, pasando duns 129.000 euros anuais a máis de 330.000 euros ao ano».

Segundo o propio contrato, -din- «a empresa debía actuar ata cinco veces ao ano en cada parroquia. A realidade é completamente distinta, bancos cubertos pola maleza, beirarrúas impracticables, parques abandonados e zonas públicas completamente descoidadas».

«Para que serviu triplicar o gasto con cartos públicos? Porque Baiona está moito peor.»

Os socialistas lembran ademais a enorme contradición política de Almuiña. «En maio de 2023, cando estaba na oposición, o actual alcalde publicaba fotos denunciando a falta de desbroces no Burgo. Agora, tres anos despois, a situación é moito máis grave en todo o municipio. O mesmo alcalde que criticaba o abandono cando estaba na oposición ten hoxe Baiona completamente deixada. É absolutamente vergonzoso”, denuncian.

Desde o PSOE de Baiona consideran que o abandono das zonas verdes é xa un reflexo perfecto do estado actual do goberno municipal, «descontrol, incapacidade e ausencia total de xestión».

Aseguran que a situación agrávase ademais pola crise interna do propio executivo local, «onde Medio Ambiente quedou practicamente sen dirección política tras os últimos cambios de competencias impulsados por Almuiña para intentar frear as críticas internas do seu goberno».

Agora mesmo no Concello ninguén sabe quen manda, nin quen responde polos problemas diarios de Baiona. O alcalde perdeu completamente o control”, afirman.

Os socialistas lembran tamén que xa advertiran hai meses de que o novo contrato non estaba funcionando e que o incremento excesivo do gasto «só estaba beneficiando á empresa privada mentres Baiona seguía cada vez máis abandonada».

“Triplicaron o gasto, privatizaron o servizo e o único que medrou foi o abandono. Isto non é xestión: é deixadez, propaganda e incapacidade”, conclúen dende o PSOE.