A colocación dos contedores do lixo no concello do Porriño «provoca numerosas queixas da veciñanza atendendo cuestións como a accesibilidade a estes». Ante esta situación, un colectivo veciñal iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar a mudanza da disposición destes espazos.

O BNG do Porriño levou esta queixa ó pleno, formulando as propostas de mellora que a veciñanza lle trasladara. «Durante o propio pleno, o PP puxo en dúbida estas queixas. Mais tamén na resposta á pregunta plenaria formulada, modificou o que se lle preguntou, obviando as propostas de mellora transmitidas polas veciñas e os veciños», sinalan os nacionalistas.

“Esta é unha situación recorrente no Concello do Porriño. O PP de Alejandro Lorenzo ou non admite dar explicacións ou nega todo aquilo que o cuestione. O seu afán de superioridade infantil non lle permite nin escoitar a veciñanza. É coma se existisen veciñas e veciños bos e malos, segundo a súa opción política. Debería recordar Lorenzo que é o alcalde de toda a cidadanía do Porriño e que a administración está para darlles solución ós seus problemas”, indica Pedro Pereira, portavoz da forza nacionalista.