ALFREDO

O Grupo Municipal Socialista de Oia denuncia «a falta de responsabilidade política da alcaldesa, Cristina Correa, e do goberno municipal do Partido Popular tras votar en contra dunha moción presentada polo PSOE para reclamar á Xunta de Galicia medidas urxentes de prevención e loita contra os incendios forestais».

A iniciativa socialista, debatida no último pleno municipal, «foi rexeitada cos votos en contra do PP, mentres que contou co apoio do PSOE e do BNG», sinalan os socialistas.

Desde o PSOE de Oia consideran «especialmente grave esta decisión, tendo en conta que o noso concello sufriu o pasado ano un incendio forestal de grandes dimensións que puxo en risco vivendas, explotacións agrarias, infraestruturas e importantes superficies forestais«, comentan.

«A alcaldesa votou en contra dunha proposta que buscaba reforzar a prevención e mellorar a protección dos nosos montes e dos nosos veciños. Fíxoo sabendo perfectamente o que vivimos o pasado verán en Oia», sinalan desde o grupo socialista.

A moción presentada incluía medidas concretas como a creación dun operativo profesional e permanente durante todo o ano, a ampliación das áreas de protección e xestión da biomasa, a elaboración de plans de autoprotección e evacuación para os núcleos de poboación en risco, a aprobación en prazo do PLADIGA e a elaboración dos plans de ordenación dos recursos forestais.

Os socialistas lembran que os devastadores incendios rexistrados en Galicia durante 2025 «deixaron máis de 170.000 hectáreas queimadas, provocando importantes danos ambientais, económicos e sociais. Un ano despois, moitas das causas estruturais que favoreceron aquelas catástrofes continúan sen resolverse».

«O máis sorprendente é que o PP de Oia se negue incluso a pedir á Xunta máis medios e máis prevención. Non estamos falando de ideoloxía, estamos falando de protexer ás persoas, ás súas vivendas e ao noso patrimonio natural», destacan.

Desde o PSOE consideran que «a posición adoptada pola alcaldesa evidencia unha vez máis a súa prioridade por defender as decisións do Partido Popular na Xunta antes que os intereses dos veciños e veciñas de Oia».

«O incendio do ano pasado debería servirnos para aprender e actuar. En cambio, o PP decidiu mirar para outro lado e votar en contra dunha proposta que buscaba evitar que situacións similares volvan repetirse», conclúen os socialistas.

O Grupo Municipal Socialista asegura que continuará impulsando iniciativas para mellorar a prevención dos incendios forestais e reclamar os recursos necesarios para garantir a seguridade das persoas e a protección do territorio.