Manuela Rodríguez

O grupo provincial do BNG vai reclamar que a Deputación, a través do Organismo Autónomo de Recadación e Xestión Tributaria (ORAL), recoñeza de oficio a exención do IBI ás comunidades de montes en man común. A deputada Manuela Rodríguez advirte de que, dado que existe xurisprudencia que confirma que estas entidades non deben pagar ese imposto, a administración provincial aforrará molestias e preitos se as exclúe dos seus listados de contribuíntes suxeitos ao pago.

A nacionalista vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro día 26 co obxectivo de que as entidades locais e neste caso o ORAL -que ten delegados os cobros de boa parte dos concellos da provincia-, unifiquen as súas actuacións e se axusten estritamente a dereito.

A iniciativa nacionalista xorde despois de que a dirección da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común (ORGACCMM) volvera denunciar publicamente que algunhas administracións locais pontevedresas seguen aínda a pasar ao cobro o IBI de xeito indebido. Segundo explica a deputada, esta situación xera unha enorme «desesperación» nas xuntas reitoras, xa que habitualmente as administracións locais derivan as responsabilidades unhas nas outras: «Os concellos pasan a pelota ao ORAL e este aos concellos«, critica Rodríguez.

O BNG lembra que a exención do IBI ás comunidades en man común está blindada tanto pola Lei Reguladora das Facendas Locais como pola Lei estatal de montes veciñais en man común. O conflito, subliña Rodríguez, adoita aparecer porque os concellos interpretan de forma incorrecta que a exención só se aplica ao chan forestal, e pretenden cobrar o IBI polas construcións comerciais ou industriais erixidas no monte que están arrendadas a terceiros. Porén, as administracións locais, insiste a nacionalista, actúan sen ter en conta que os ingresos que xeran esas instalacións «reverten en sufragar gastos asociados ao propio monte e, en definitiva, redundan no seu obxecto e beneficio social».

A moción do Bloque apoiase na xurisprudencia definitiva fixada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Os tribunais determinaron de forma clara que a exención do IBI para os montes veciñais abarca a totalidade do perímetro clasificado, incluídas as edificacións, «con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria«.

A deputada nacionalista incide no «absurdo administrativo» que supón manter a inercia recadatoria que obriga ao ORAL a realizar un dobre traballo “totalmente inútil”. Segundo explica Rodríguez, o organismo provincial destina primeiro recursos humanos e técnicos a xestionar, emitir e cobrar uns recibos do IBI ás comunidades de montes que vulneran a lei, para despois —unha vez que estas gañan as reclamacións ou os procesos xudiciais— ter que activar un segundo proceso de devolución dos importes, incrementados ademais cos correspondentes xuros de demora.

Por todo isto, o BNG solicitará formalmente no Pleno que “o conxunto das entidades locais da provincia e/ou aos organismos de xestión de cobro dos tributos municipais (como o ORAL) recoñezan expresamente o dereito á exención do IBI ás comunidades de montes e, en consecuencia, a excluílas de xeito definitivo do padrón municipal de contribuíntes obrigados ao pago dese imposto”.