Dende o BNG, alédanse de que o modelo de humanizacións iniciado polo Bloque hai dúas décadas no centro do Porriño, levado tamén por Pedro Pereira como concelleiro de Urbanismo aos barrios de San Bieito e Aloques, avance.

Mais, no momento de crise climática actual, hai que priorizar a dotación de zonas verdes como refuxio climático ante as altas temperaturas que estamos a sufrir. “Desde o Bloque apoiamos que se invista en gañar espazo para a xente no centro do Porriño, pero entendemos que as cousas se poden facer mellor. Ten que haber unha aposta real por un modelo verde máis alá da instalación de chorros de auga”, declarou Pedro Pereira, portavoz do Bloque.

Pereira lembrou o fracaso da reforma do Campo da Feira. Un investimento de 1 millón e medio de euros nunha obra con constantes modificacións, sobre custos e sen unha finalidade clara. Un espazo infrautilizado no que o BNG defende crear unha zona arbolada integrada con San Bieito,eliminando o tráfico rodado en superficie na rúa Domingo Bueno.

Para o BNG gobernar é trans-formar para mellor, adaptar os espazos a novos usos e necesidades, non unha simple renovación estética para que todo siga igual. Co que Lorenzo malgastou nun simple lavado de cara poderíamos ter avanzado na mellora da mobilidade. O PP fai obras pequenas que saen caras”, sinalou o concelleiro do Bloque, que amosou tamén a súa preocupación no mesmo sentido pola anunciada remodelación do Parque Ordóñez.

En Pío XII atopamos outra obra mal planificada e con modificacións a respecto do proxecto inicial. Pensada en principio para manter o tránsito rodado, foi despois de que o Bloque o tivera solicitado no Pleno e ante a demanda veciñal que finalmente ficou como unha rúa de prioridade peonil.

Un espazo cun enorme potencial que o BNG contemplaba transformar nun parque con céspede e canles de auga, un lugar para o descanso e o lecer coa xente como protagonista. “De ter Alejandro Lorenzo planificado mellor, esta intervención estaría deseñada pensando na xente e contaría con máis presenza vexetal e menos pedra. O importante non é gastar máis. É gobernar mellor e non malgastar recursos. E para iso non se pode improvisar”, concluíu Pedro Pereira.