O portavoz municipal do BNG da Guarda, Anxo Baz, amosou a súa preocupación tras coñecer a aprobación da subvención da Deputación de Pontevedra para adquirir a Casa de Don Eloi. Baz lembrou que a súa formación xa advertira das «consecuencias nefastas» que esta operación tería para o día a día do municipio.
“Mesmo antes de formalizar a compra, obras xa comprometidas como a apertura do Baixo-Muro ou a rehabilitación da Escola de San Lourenzo quedan relegadas porque o alcalde priorizou este inmoble”, denunciou o voceiro nacionalista.
Pola súa parte, a deputada provincial Bea Lomba censurou que o alcalde, Roberto Carrero, e o PP na Deputación deixen atrás compromisos adquiridos coa veciñanza e co propio BNG. Lomba cualificou de «desorbitado» o investimento nunha propiedade que non conta cun plan de usos definido.
A nacionalista lembra que o prezo de compra ascende a 710.000 euros, pero advirten de que o custo real para as arcas públicas será moito maior, xa que se descoñece o importe da rehabilitación integral e do mantemento futuro.
De feito, o pasado mes de maio os nacionalistas desvelaron un informe técnico que o Goberno local mantiña oculto. Este documento destapa que só a restauración do xardín superaría o millón e medio de euros, sen contar o custo de arranxar as infraestruturas danadas ou a custosa reforma do edificio. O BNG conclúe que este «investimento millonario» é unha «ocorrencia do alcalde» que corre o risco de hipotecar o futuro da Guarda durante os vindeiros anos.
