O BNG de Gondomar reclama maiores restricións no consumo da auga do servizo municipal para garantir a subministración en todo o período de seca. O Bloque, a través da súa portavoz municipal Manuela Rodríguez, insta ao goberno local a incrementar as medidas para reducir o consumo de auga da rede pública, limitándoo exclusivamente a usos esenciais.
Para Rodríguez non pode ser que, no Bando da Alcaldía, Ferreira faga un chamamento á veciñanza “ao consumo responsable, evitando usos innecesarios e facendo un uso racional deste recurso tan valioso”, e logo admita en declaracións públicas que non hai ningunha restrición nos usos non esenciais nin prioritarios do propio Concello como o regado ou baldeo de zonas públicas.
A voceira do BNG considera fundamental que goberno e veciñanza lembren que os maiores efectos da seca adoitan producirse nos meses de setembro e outubro, cando a capacidade de recuperación da auga consumida e aínda menor pola diminución do caudal dos mananciais de onde se capta. E que é por iso que se fai preciso reducir drásticamente o consumo de auga nas fases de pre-alerta, para evitar o vaciamento dos depósitos e poder manter no tempo o maior nivel de reserva.
“O problema non está nunha polémica e inoportuna festa acuática infantil”, manifesta a concelleira nacionalista. “O irresponsábel é manter, como se non pasara nada, o baldeo de rúas e o rego de xardíns e campos deportivos; ou que mentres, por un lado, desde a Alcaldía se recomenda o aforro de auga na ducha e no fogar, por outro fale de ‘evitar o enchido de piscinas, salvo causa xustificada’, denuncia. “Que xustificación pode haber, nun momento de escaseza como este, para dedicar a ‘auga de beber’ a manter operativa unha piscina?«.
”A auga da rede municipal, ao igual que a das traídas veciñais, ten como destino principal o consumo humano, á hixiene e aos servizos básicos dos fogares, ademais de atender necesidades públicas esenciais. Ese debe ser o seu destino sempre, pero con máis razón en épocas de seca. Non corresponde, entón, usar a auga potable para regar xardíns ou campos de fútbol, nin para baldear rúas ou para o funcionamento de fontes ornamentais. Os usos non esenciais deben ser cubertos con auga ‘non esencial’, sexa depurada ou almacenada, que os concellos debería ter en previsión«, sinalan.
Para o BNG compre, pois, actuar xa. «E a escusa non pode ser, como di Ferreira, que Gondomar non estea aínda entre os concellos que a Augas de Galicia declarou en pre-alerta. As medidas hai que establecelas antes de que esa situación se produza, mentres hai marxe para prepararse”, enfatiza Rodríguez, e engade que “se non se chega a ese extremo, moito mellor, mais teremos gañado en conciención veciñal e en resiliencia para presente e futuro”.
