O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG desenvolverá concentracións nas sete cidades galegas o vindeiro 5 de novembro baixo o lema «Somos maiores, tamén queremos vivir dignamente».

Esta acción enmarcase na campaña que a central sindical está a desenvolver para reclamar dos gobernos español e galego un Plan de Choque urxente con medidas fronte á actual carestía da vida.

Lugares e horarios das mobilizacións:

  • Vigo: diante do Mercado do Calvario ás 11:30 horas.
  • A Coruña: diante do Gadis do Mercado de Elviña ás 11:00 horas.
  • Pontevedra: na Praza da Peregrina ás 11:00 horas.
  • Ferrol: Edificio Xunta da Galicia, Praza Amada García, ás 11:30 horas.
  • Compostela: na Praza do Toural ás 11:30 horas.
  • Lugo: diante do Edificio da Xunta, ás 11:30 horas.
  • Ourense: diante do Edificio da Xunta na Avenida da Habana (Casa de Chocolate) ás 11:30 horas.

Dende o colectivo denuncian que o medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando á ruína o pobo e as clases traballadoras. “As persoas maiores vémonos especialmente afectadas pola suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade, ao que hai que engadir os elevados custos da vivenda, unha grave deterioración dos servizos públicos e un retroceso nas políticas sociais”.

Unha suba “descontrolada” dos prezos, agravada pola seca, pero provocada polas guerras imperialistas e a ofensiva belicista que os Estados Unidos teñen en marcha, que conta coa “obediencia” da Unión Europea e co “entreguismo” do Estado español.

Principais propostas do colectivo fronte a carestía da vida

1.- A revaloración das pensións para o 2027 deber ser conforme ao IPC acumulado a final de ano e a recuperación do poder adquisitivo que se perdeu coa introdución no 2021 do índice do IPC medio.

2.- A fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional. Establecer nos 1.374,74 euros mensuais o SMI con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026 para cumprir dunha vez coa Carta Social Europea que recolle que debe ser, como mínimo, igual ao 60% do salario medio.

3.- Creación urxente dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública de centros asistenciais e residenciais da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade, Servizos de Axuda no Fogar e outros servizos. Priorizar a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas. Eliminar os repagamentos na atención e nos coidados e aprobar unha carteira de servizos e prezos públicos.

4.- Frear o proceso de privatización e desmantelamento da sanidade pública galega, reforzar a atención primaria, reducir as listas de agarda e garantir unha atención sanitaria públicas, universal e de calidade, que respecte os dereitos das persoas maiores e do conxunto da poboación.

5.- Aprobación por lei de prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce. Demandamos actuacións contra quen especula nos mercados, contra as empresas enerxéticas e do comercio de alimentación.

6.- Garantir o dereito á vivenda e ao subministro enerxético ás persoas maiores con ingresos iguais ou inferiores ao salario mínimo interprofesional que demandamos.