O Concello da Guarda, a través da Concellería de Turismo, ven de iniciar un programa de visitas guiadas polo casco urbano que se realizan todos os mércores e xoves ata o 15 de setembro.
As visitas son de carácter gratuíto e non é preciso inscrición previa, tan só achegarse ás 12:00 horas ao punto de encontro, que é a Oficina de Turismo da Praza do Reló. Dende alí, o grupo sae para coñecer o patrimonio da Guarda en dúas visitas distintas. Os mércores ten lugar a visita singular no casco histórico: “Prazas antigas e novas”, e os xoves a visita singular da época moderna: “Castelo de Santa Cruz”.
Unha oportunidade excepcional, tanto para visitantes coma para veciños, de coñecer o noso pasado a través de explicacións «in situ», grazas ao persoal do departamento de turismo municipal, visitando diferentes espazos do casco urbano da Guarda coma a Igrexa Parroquial, o Castelo de Santa Cruz, o muro, prazas e monumentos.
A duración estimada destas visitas é de aproximadamente 60 minutos.
Horarios da Rede de Museos
A Rede de Museos da Guarda, formada polo Museo Arqueolóxico de Santa Trega-MASAT, o Museo do Mar e o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz informa dos novos horarios para esta tempada estival.
- MASAT: De martes a domingo de 9:00 a 21:00 horas e de 10:00 a 20:00 horas no mes de setembro.
- Museo do Mar: Os fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.
- Castelo de Santa Cruz: Espazo público aberto de 10:00 a 21:00 horas.
- Centro de Interpretación das Fortalezas do Miño: Os fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.
- Oficina de Turismo na Praza do Reló: Aberto de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas de luns a domingo.
