Agrupación Musical de O Rosal.
BRAIS MARTÍNEZ // Agrupación Musical de O Rosal.

Con motivo das festas do Nadal, a Agrupación Musical do Rosal organiza durante este mes varias actividades que terán lugar no Auditorio Municipal da vila.

A primeira delas será o Festival de Nadal que terá lugar este domingo, día 15 ás 18:30 horas, e no cal participarán os nenos de Iniciación Musical e da Escola de Música, Coro, Coro Infantil, Minibanda e Banda Infantil da Agrupación, que ofrecerán un concerto moi entretido para o público.

Durante o transcurso do acto, realizarase a entrega dos premios do V Concurso de Carteis de Nadal. Na entrada principal do auditorio estarán expostos os debuxos gañadores e finalistas do concurso que, dentro da escola de música, organiza anualmente a asociación. O cartel anunciador é un debuxo de Daniela Fernández Vicente, de 10 anos, primeiro premio do Concurso.

Por outra banda, os días 20 e 21 de decembro, será o turno dos alumnos da escola de música que ofrecerán a primeira audición deste curso (Vento madeira, vento metal, percusión e corda), ás 20:00 horas e 20:30 horas respectivamente.

O domingo 22 de decembro, ás 19:00 horas, a banda de música da Agrupación Musical do Rosal, dirixida por Javier Alonso Pérez, e que estará acompañada das voces das artistas convidadas Andrea Pousa e da lusa Ana Almeida, ofrecerá o espectáculo musical «Voces da Raia», no cal se interpretarán temas de unha e outra beira do Miño.

Será a primeira vez que podamos desfrutar dun proxecto destas características, onde se mesturan as voces líricas con arranxos sinfónicos sobre temas «de sempre» que vencellan dúas culturas e dúas linguas irmás: a galega e a portuguesa.

As entradas para poder asistir a este evento teñen un custo de 3 € e pódense mercar na oficina da agrupación, no Auditorio (porta lateral). Para máis información ou reserva de entradas, hai que poñerse en contacto nos teléfonos 986.626.311 ou 609.866.792.