O municipio de Iztapalapa en Cidade de México acolleu esta madrugada a cerimonia de entrega da 13ª Distinción «Boa práctica en participación cidadá» concedida polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa (OIDP), un organismo que agrupa 800 vilas, cidades e organizacións de todo o mundo. Tomiño foi unha das seis finalistas, canda as cidades francesas de Metz e Burdeos, e as colombianas de Bogotá, Medellín e Nariño, recibindo unha das mencións especiais outorgadas polo xurado deste certame.

A vila galega presentara, en nome da Eurocidade Cerveira-Tomiño, a experiencia da creación das Valedoras da cidadanía transfronteiriza como un instrumento favorecedor da participación cidadá. Entre todas as candidaturas enviadas ao certame resultaron elixidas por votación 14 e, posteriormente, un xurado experto escolleu de entre elas as 6 finalistas que optaron agora á Distinción e as Mencións especiais feitas públicas na clausura da 19ª Conferencia da OIDP celebrada en México entre o 7 e o 10 de decembro.

Na fundamentación da candidatura remitida desde a Eurocidade, destácase que “malia as fronteiras físicas deixar de existir na Unión Europea, aínda persisten moitas ‘fronteiras burocráticas’ que impeden unha cooperación eficaz entre as cidadanías locais”. A existencia de institucións pioneiras de caracter transfronteirizo como as Valedoras ou o Orzamento participativo facilitan o empoderamento cidadán co obxectivo de construír eurocidadanía e “zonas francas sociais” con meirande igualdade e mellor calidade de vida.

O obxectivo da distinción da OIDP é recoñecer as experiencias innovadoras que os gobernos locais desenvolvan no campo da democracia participativa. Adicionalmente, búscase dar visibilidade a estas prácticas, achegándoas a outros gobernos locais para que poidan ser replicadas. As propostas deben procurar o fortalecemento comunitario, a ampliación dos dereitos da cidadanía relacionados coa participación política e a mellora da calidade das decisións públicas a través de mecanismos de democracia participativa.