Diante da información aparecida nos medios e nas redes sociais do Concello da Guarda sobre a conexión da Rúa Baixo Muro coa Rúa Ireira, o portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, manifestou que “Carrero e o seu goberno renunciaron a unha partida do Plan Concellos do ano 2022/23 para realizar a obra de conexión da rúa Baixo Muro coa rúa Ireira. A presión da veciñanza apoiada polo BNG fíxolles cambiar de posición e obrigounos a continuar co expediente de compra ou expropiación que tiñan paralizado desde a súa entrada no Goberno para poder proceder a realización da obra. Agora o alcalde pretende presentarse como o grande artífice do proxecto”.
O nacionalista comprometeuse a seguir apoiando a veciñanza na súa xusta reclamación para garantir a accesibilidade desta rúa e esixir ao mesmo tempo que se aborden os problemas de saneamento para o que é preciso proceder a separación de fecais e pluviais en todo o trazado da rúa.
Baz felicitou en nome do BNG a veciñanza da zona porque grazas á súa unión «foron quen de facer virar a posición de Carrero e o seu grupo de goberno obrigándoos a continuar co expediente de adquisición do inmoble para poder abrir a rúa«, indicou Baz.
Rematou a súa intervención dicindo que “quedan aínda moitos pasos pendentes antes de que se execute a obra polo que estaremos vixiantes e continuaremos apoiando e asesorando a veciñanza da zona para que por fin este proxecto tan necesario se converta nunha realidade”.
