O BNG de Tui presenta o primeiro tramo da candidatura das municipais
BNG Tui

A Asemblea Local do BNG en Tui reunida onte, 19 de xuño, decidiu, sen ningún voto en contra, e con só duas abstencións, exercer o papel de oposición no concello de Tui durante os próximos catro anos.

Os dous concelleiros do BNG votaran xa a favor do candidato socialista á Alcaldía, cumprindo co compromiso electoral de pechar o paso a gobernos de dereitas. Hai unha maioría de forzas que se autodenominan progresistas no pleno e, entre esas forzas, o PSOE foi a máis votada; por respecto á vontade das e dos tudenses e por congruencia coas nosas posicións políticas, o BNG decidiu dar o apoio a Enrique Cabaleiro na sesión de investidura.

Agora ábrese unha nova etapa, na que a cidadania falou e otorgou ao Partido Socialista a confianza para exercer o governo e levar adiante o seu programa eleitoral. «A asemblea local asume así o papel que nos corresponde como resultado das eleccións. A nosa vontade é exercer a oposición, como viñemos facendo nos últimos anos, de xeito construtivo e dialogante», indicou Míriam Rodríguez, responsábel local, unha vez terminada a asemblea na que o BNG se sitúa xa definitivamente fóra do goberno municipal.

Para o BNG son importantes as formas de gobernar, é imprescindíbel que haxa diálogo e respecto á pluralidade. Cremos que hai que ser firmes e esixentes á hora de defender os intereses de Tui, tamén en asuntos que dependan doutras administracións. O nacionalistas consideran que as políticas municipais deben ter unha orientación cara un urbanismo á medida das persoas, facer fronte ao grave problema da vivenda, fortalecer as políticas sociais e un novo modelo de mobilidade e unha aposta constante de defensa do medioambiente, así como manter un compromiso claro  coa lingua e a cultura galegas.

Os votantes do BNG poden estar seguros que o noso traballo desde a oposición será sério e rigoroso, fuxindo das crispacións, apoiando as medidas que o novo goberno adopte que se sexan congruentes co noso programa eleitoral e facendo propostas en positivo encamiñadas á mellora da cualidade de vida dos e das tudenses.