CEDIDA // Ardelume

Un total de 365 xubilados de 20 entidades de 13 concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores.

Os cursos comezan este luns con catro obradoiros diferentes. A Asociación de Mulleres que Poden da Estrada comezará un taller sobre a conservación da memoria e a Asociación Amigos dos Pazos de Vigo un curso de teatro. En Salceda de Caselas, as persoas integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas iniciarán un obradoiro de habilidades dixitais para o uso cotiá e a Asociación Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira en Redondela outro de informática avanzada.

Para o martes 19 comezan catro cursos. A Asociación de Veciños de Beade e a Asociación de Veciños da Travesía de Vigo e Arrabaldos as Nosas iniciarán un taller de risoterapia e outro de musicoterapia respectivamente. Pola súa banda a Asociación de Veciños San Esteban de Noalla en Sanxenxo beneficiarase dun curso de ximnasia de mantemento e a Unión Polideportiva Bolos da Carrasca de Nigrán doutro de pilates.

O mércores 20 comezan dous cursos en Redondela: a Asociación Cultural e Social de Chapela ten seleccionado un obradoiro de risoterapia e a Asociación de Veciños de Chapela un sobre plantas medicinais. En Bueu, a Asociación Cultural da Vieira participará nun obradoiro de terapia emocional e en Baiona, a Asociación Ardelume de Baíña noutro sobre a conservación da memoria.

O xoves 21 arrancan outros tres cursos. As persoas integrantes da Asociación de Familiares de Personas Afectadas de Alzheimer de Moaña comezarán un taller de risoterapia, a Asociación Veciñal e Deportiva Cultural Miñoteira de Redondela un sobre habilidades dixitais para o uso cotiá e a Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Rebordelo en Cerdedo-Cotobade outro de ximnasia de mantemento.

O venres 22 a Asociación Xubilados e Pensionistas Santa Eulalia de Meira de Moaña comezará o taller de habilidades dixitais para o uso cotiá e a Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro de Bueu sobre terapia emocional. No mesmo día comezará o curso sobre plantas medicinais para o Círculo Cultural Abrente de Mos e sobre restauración de mobles e tapicería para a Sociedade Cultural do Viso de Redondela.  Este mesmo curso foi o escollido pola Asociación de Mulleres Rurais A Telleira de Dena de Meaño, que se iniciará o sábado 23.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.