Asociación Cultural Centáurea

O vindeiro domingo 24 de febreiro, ás 12:00 horas, terá lugar na Alameda de Gondomar, (Praza de Manuel Alonso), o III Certame de Coplas de Entroido organizado pola Asociación Cultural Centáurea.

Con esta convocatoria, a A. C. Centáurea pretende pular o contido e a continuidade desta tradición, festa ritual de enchentes, esmorgas, máscaras e crítica social, que ridiculiza todo o considerado serio o resto do ano, tentando dun xeito lúdico e humorístico botar fóra as frustracións cotiáns.

As bases para acceder ao certame están publicadas no Facebook da A. C.Centáurea, e as solicitudes de inscrición han ser presentadas antes do 20 de Febreiro de 2019.

O tema das coplas é libre e as letras terán que ser integramente en idioma galego. O xurado valorará o enxeño, o humor e o sentido crítico das letras, consubstanciais co espírito do Entroido; a posta en escena e a composición e acompañamento musical das coplas. O grupo gañador recibirá, ademais dun agasallo e o diploma acreditativo, as risas e o recoñecemento de todas as persoas presentes nesta celebración.