BNG do Porriño

O BNG do Porriño informa que leva un ano denunciando a política ambiental do PP de Alejandro Lorenzo. O Bloque presentou no Pleno do Porriño hai un ano a figura de protección do ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para o río Louro e os seus afluentes Fonteliño e Laxes, ao seu paso polo municipio, a cal foi aprobada por unanimidade. “Esta é única ferramenta que pode protexer o noso río e afluentes no casco urbano agora e no futuro. Ademais, permitiría manter os seus ecosistemas e o goce das persoas do río”, comenta o concelleiro do Bloque, Marcelo Rodríguez.

“Desde esa aprobación, o PP non levou a cabo nin o proxecto, nin as zonificacións, nin os usos, nin as franxas de protección do río e regatos do ENIL. Dedícanse a tirar fotografías dos concelleiros do PP posando no río. O seu é a publicidade”, denuncia o concelleiro do BNG.

Aseguran os nacionalistas que «agora acaba de ser denunciado pola Asociación Ecoloxista Verdegaia por vulnerar repetidamente a Lei de Patrimonio Natural de Galicia ante Consellaría de Medio Ambiente. Así mesmo, a Asociación rompe calquera relación co Concello do Porriño. Alén da contaminación da contorna do río durante os macroconcertos que alí organiza, o goberno do PP fai cortas continuadas sen seguir os protocolos e sen permiso da Xunta nas beiras do río Fonteliño, dunha das especies invasoras máis agresivas do planeta segundo a UICN (órgano da ONU e máxima autoridade mundial no medio natural), a Fallopia japonica. A Xunta busca erradicala, pero unha corta sen control está a provocar que os restos vaian parar ás Gándaras de Budiño e ao río Miño, onde agora están arraigando e causando graves problemas ambientais nos dous ríos».

Ademais, o BNG vén de denunciar publicamente ante o Concello do Porriño «os continuos vertidos sobre o río Fonteliño dunha empresa de áridos de Ponteareas, que leva anos contaminando e colmatando o río con áridos e tóxicos da grava. O seu leito aparece moitos días cunha cor branca. A resposta do PP de Alejandro é o silencio. Estas son algunhas das moitas mostras dun goberno do PP inoperante e paralizado ante unha política ambiental seria que precisa o Concello do Porriño”, recalca Marcelo Rodríguez.