A Asociación Piueiro achega ós máis pequenos o mundo das embarcacións tradicionais

A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais de A Guarda «Piueiro» continúa despregando un amplo programa de actividades culturais co gallo do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se desenvolverá no próximo mes de xullo nesta localidade do Baixo Miño.

Nesta ocasión, os protagonistas da iniciativa da asociación cultural guardesa foron catorce estudantes do colexio A Sangriña, con 11 e 12 anos de idade. Nunha divertida excusión, as rapazas e rapaces achegáronse ata o estaleiro guardés El Pasaje para comprobar ‘in situ’ a avanzada construción do volanteiro que está a facer Piueiro, emulando ós dos seus devanceiros.

O volanteiro é unha embarcación da que se teñen referencias dende o século XVII, que viviu o seu momento de maior pulo no XIX e que desapareceu a comezos do XX pola aparición dos arrastreiros. Para a súa recuperación, no estaleiro están a seguir os planos atopados pola asociación no proceso de pescuda de material antigo.

Responsables da asociación cultural e do propio estaleiro explicaron en detalle aos estudantes o proceso seguido para construír este barco, no que colaboran económicamente particulares e empresas de toda Galicia e mesmo de Andalucía.

Se trata da primeira visita dun colexio ó estaleiro organizada por Piueiro pero non será a única. Para o mes de xaneiro xa hai previstas outras cinco máis, de diferentes centros escolares da comarca. Con esta iniciativa, Piueiro quere transmitir ós máis xóvenes o amor polo patrimonio e pola cultura mariñeira dun pobo como A Guarda que tanto lle debe ó mar.

Ao longo dos próximos meses, a Asociación que preside Joaquín Cadilla seguirá despregando máis actividades, tanto na Guarda como noutros puntos de Galicia e Portugal. Para todas e todos os interesados no encontro, lembramos que existe unha páxina web: Encontro A Guarda, onde, dun xeito sinxelo e moi visual, pódese acadar todala información precisa do encontro. Nesta páxina o público pode coñecer non so o propio encontro, senón que tamén pode acadar información turística de A Guarda.