Deputación destinou 30 millóns de euros aos concellos do Baixo Miño

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe nunha comparecencia de prensa no Mercado de Tomiño que a institución provincial investiu no que vai de mandato do actual Goberno provincial 29,9 millóns de euros (29.891.939,73 €) nos concellos do Baixo Miño: A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui. “É o maior investimento da historia da Deputación nesta comarca, e moito máis importante que a que fixo calquera outra administración”, asegurou a Presidenta, que sinalou que “preto de 15 millóns corresponderon ao Plan Concellos, o mellor instrumento que temos para axudar aos concellos e que confirma, segundo fontes oficiais do Ministerio de Facenda, que a Deputación de Pontevedra é a Deputación de todo o estado que máis transferencias directas fai aos municipios”.

“Falo de datos obxectivos, de números que se poden comprobar un a un”, subliñou a Presidenta, falamos que só co Plan Concellos temos 175 obras nesta comarca. ¿Algunha outra administración pode compararase con estes datos?, ¿pode a Xunta sequera aproximarse tendo moitísimo máis orzamento?, preguntou Carmela Silva que engadiu: “Fronte ás calumnias, datos fríos e números obxectivos”.

Destes case 30 millóns de euros, a institución provincial investiu 15 millóns no Plan Concellos; preto de 1,5 millóns no Plan DepoRemse beneficiando á Guarda, Tomiño e Tui; 1 millón noutros proxectos e plans; 3 millóns de euros en Emprego e Formación; 1,5 millóns de € na área de Cohesión Social e Xuventude; 6 millóns de euros en Mobilidade; 110.000 euros para a Igualdade entre mulleres e homes; arredor de 700.000 € en Deportes; máis de 730.000 € en Cultura; máis de 100.000 euros en Medio Ambiente; outros 100.000 € na área de Novas Tecnoloxías ou 900.000 en Turismo, así como máis de 400.000 euros nos programas Visit Miño e Smart Miño ou 800.000 no funcionamento da Oficina de ORAL.

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento de preto de 15 millóns de euros na comarca, con 2.827.747,81 € para A Guarda, 1.606.016,45 € para Oia, 2.039.983,69 € para O Rosal, 4.541.861,66 € para Tomiño e 3.725.450,93 € para Tui. “Falamos de 175 obras nos cinco concellos e só con este Plan, feito con criterios técnicos, obxectivos e equidade e con cero euros de libre disposición”. Ademais, Carmela Silva lembrou que o Plan DepoRemse, deixou entre os concellos da comarca preto de 1,5 millóns de euros para mellorar a mobilidade e a seguranza viaria nos espazos públicos da Guarda (500.000 € para actuar na mellora da mobilidade e seguridade na contorna da Rúa Vigo e Celta), Tomiño (500.000 € para a mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo) e Tui (425.000 € para a mellora da seguranza viaria núcleo da Torre en Paramos).

O investimento noutros plans á marxe dos mencionados ascende a un millón de euros cos que se financiou o Plan de emprego de 2015, os préstamos sen xuros, a doazón de materiais de espazos públicos, a iluminación exterior sustentable para os cinco concellos, a adaptación de puntos limpos, a reparación de instalacións deportivas e subministración de material, a substitución das caldeiras de biomasa da Guarda, actuacións nos sendeiros azuis da Guarda, a sinalización da Ruta BTT Suroeste na Guarda, Oia e O Rosal, a subministración de desfibriladores e Degusta Europa.

Dentro da área de Emprego, Carmela Silva informou de que “en tres anos financiamos na comarca do Baixo Miño a creación de máis de 400 postos de emprego e de formación, cun investimento de 3.073.221,94 €” entre o Plan Concellos, con 2.550.817,11 €, e os distintos plans de práctica laboral, o Prácticum Depo Erasmus+ e programas como DepoIntegra Xoven, outros máis de 520.000 €.

No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado na comarca do Baixo Miño sitúase en 1.320.456,89 €, que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a máis de 4.500 veciñas e veciños cos programas provinciais de actividades. A Deputación investiu no plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios, en axudas de emerxencia, e mellorou a vida das persoas maiores a través do financiamento do programa de teleasistencia, no que participaron preto de 200 homes e mulleres de Oia, O Rosal, Tomiño e Tui. No que se corresponde cos programas de actividades e de atención cidadá, Carmela Silva sinalou que “mobilizamos a 4.5oo persoas e 100 asociacións a través de Depo en Marcha, En Ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo Lazos, DepoRúARTE, Depo Aventura e Tempo de Saúde”.

En canto á Mobilidade, Silva informou de que o investimento foi superior aos 6 millóns de euros para a realización de “obras de mellora nas estradas provinciais de Deza e distintos plans de mobilidade”. Nos últimos tres anos, sinalou, “licitamos e/ou iniciamos obras por importe de máis de 5 millóns de euros” nas que destacan obras moi importantes e a realización de asistencias técnicas necesarias para o bo desenvolvemento das obras; o Plan Móvese; o Plan de sinalización viaria; o Plan de pintado das estradas, e o Plan de desbroces e limpezas.

Na área de Igualdade, o investimento foi de máis de 111.000 € para “fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con iniciativas como case 70 cursos”, sinalou a Presidenta Carmela Silva, que informou de que grazas á colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes para a implantación de accións e medidas para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas, puidéronse financiar actuacións en todos os concellos da comarca. A través do programa Conectadas, financiáronse 66 cursos colaborando con asociacións veciñais, de mulleres e culturais, ás que se lles achegou formación transversal en igualdade. Ademais, o programa Mulleres en Acción. Violencia Zero chegou aos concellos, ao igual que Sorrisos Transformadores ou o programa Cinema e muller.

En canto a Deportes, Carmela Silva sinalou que “investimos preto de 700.000 euros en axudas, beneficiando a máis de 100 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e centos de nenas e nenos que participaron nas DEPOrte Escolas”. A Presidenta provincial destacou a liña de axudas ao deporte federado das categorías base e inferiores; a específica de achegas aos clubs de categoría estatal nas súas disciplinas ou o apartado de organización de actividades, eventos e probas deportivas. A Deputación tamén investiu en deportistas individuais e olímpicos/as, ademais da Copa Deputación coa participación de 12 clubs de fútbol, e dedicou 137.000 € ao Atlético Guardés co que veñen asinando convenios anuais por mor da súa categoría de elite da provincia e, ademais, a Presidenta anunciou que “en 2019 os nosos orzamentos xa contemplan que o convenio terá un incremento de 3.000 € respecto ao que recibiu estes anos”. A institución provincial tamén instalou novas DEPOrte Escolas A Presidenta tamén resaltou as achegas a través de DEPOcomparte para o préstamo de material a clubs das comarcas para a realización de competicións e actividades deportivas.

En canto a Turismo Rías Baixas, o investimento na comarca situouse en case un millón de euros financiando actuacións de promoción, blogtrips nos cinco concellos, axudas a entidades e un investimento superior aos 750.000 € para a escavación e consolidación do xacemento de Santa Trega Mergelina, que vén de ser incluída na exposición Galaicos.

Na área de Cultura, a Deputación investiu máis de 730.000 € para realizar ducias de actividades dos concellos, das asociacións, entidades e comisións de festas dos concellos de menos de 50.000 habitantes da comarca. A Presidenta lembrou que “cada ano desenvolvemos unha liña de colaboración co tecido socio-cultural da provincia, cunha temática diferente: Ano Castelao, Ano do Patrimonio e Ano da Lingua, financiamos axudas para a dinamización da lingua galega, e as destinadas á rehabilitación e sinalización do patrimonio. Destacan nesta liña a sinalización do casco histórico da Guarda, a rehabilitación do lavadoiro da roda de Guillarei (Tui), o mantemento e conservación da Fortaleza do Couto-Goián (Tomiño), o proxecto para a interpretación do patrimonio eclesiástico do Rosal ou a sinalización de tres igrexas de Oia. A Deputación tamén investiu na colaboración cos concellos e comisións de festas para contratar grupos de música e baile co programa Pontegal e no marco de Musigal, que leva a música galega e en galego por todo o territorio da provincia, así como para o festival audiovisual Play-Doc e os festivais musicais e de artes escénicas IKFEM e Minho Reggae.

A Deputación tamén investiu máis de 110.000 euros en Medio ambiente para implantar “un novo modelo de sustentabilidade e coidado da nosa contorna e dos nosos sectores produtivos”. A liña de mantemento dos campos de fútbol, con maquinaria e persoal propio, permitiu realizar 8 actuacións na comarca. As liñas de axudas ao sector primario beneficiaron á confraría Santa Trega da Guarda e ademais, crearase un parque forestal na Serra de Groba e Costa, en Oia.

No apartado de Novas tecnoloxías o investimento da Deputación dsitúase próximo aos 100.000 € “para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme”. No caso da administración electrónica, “no que somos a única administración de todo o estado co 100% dos concellos”, formamos a un total de 314 persoas funcionarias de todos os concellos da comarca e, pola súa banda, SmartPeme beneficiou a 34 empresas.

Plan Concellos 2019 no Baixo Miño

A presidenta tamén adiantou os datos do Plan Concellos 2019 na comarca do Baixo Miño. Este próximo ano, o goberno provincial incrementa ata os 4,2 millóns de euros os investimentos. Concretamente son 4.180.699,58 euros, 130.827,46 euros máis que no exercicio anterior, o que supón un incremento do 3,23%.

Máis polo miúdo, para o concello de Tomiño destínanse un total de 1.268.865,17 euros, case un 3,5% máis que o ano pasado. Na liña 1 teñen a súa disposición 881.729,22 euros, no que respecta a liña 2 son 112.269,43 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 274.866,52 euros.

Pola súa banda, Tui terá a súa disposición para este ano 2019 1.063.437,44 euros, o que supón un 3,25% máis que en 2018. Na liña 1 teñen a súa disposición 739.718,33 euros, no que respecta a liña 2 son 93.868,54 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 229.840,57 euros.

No caso de A Guarda, a Deputación pon a disposición do concello 808.965,46 euros, un 3% máis que no exercicio anterior. Na liña 1 teñen a súa disposición 562.964,54 euros, no que respecta a liña 2 son 71.340,27 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 174.660,65 euros.

Para O Rosal destínanse un total de 583.312,29 euros, o que supón un 3,1% máis que o ano pasado. Na liña 1 teñen a súa disposición 403.555,67 euros, no que respecta a liña 2 son 52.129,42 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 127.627,20 euros.

E xa por último, Oia ten a súa disposición a través do Plan Concellos 2019 un total de 456.119,22 euros, un 3,3% máis que no 2018. Na liña 1 teñen a súa disposición 315.402,88 euros, no que respecta a liña 2 son 40.807,74 euros, e á liña 3 de emprego destinaranse 99.908,60 euros.