A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 denuncia publicamente «o brutal incremento ata o 0’65% que pretende realizar o goberno municipal de Nigrán no imposto de bens inmobles, IBI (popularmente coñecido como Contribución urbana)», que levou ao pleno este venres, convocado de xeito urxente sen publicidade e «para unha hora na que a maioría da cidadanía non pode asistir ao salón de sesións».
«Consideramos que non ten sentido facer un pleno extraordinario despois de celebrar un ordinario hai tres días, no que se puido incluír este asunto, e isto só pode ser debido a que non se quere informar publicamente, ademais de supoñer un importante gasto para as arcas municipais polas indemnizacións aos concelleiros pola asistencia ao pleno», sinalan desde a Asociación.
«Esta Agrupación pide a retirada dese asunto (Expediente 5822/2023), e informará a veciñanza deste despropósito, que vai repercutir moi negativamente nas economías domésticas das familias, moitas delas con dificultades para chegar a fin de mes), ao ter que pagar 150 € máis por unha vivenda cun valor catastral de cen mil euros«, aseguran.
Dende a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 afirman que en relación aos municipios da contorna, os valores catastrais en Nigrán son moi elevados, «de aí que durante moitos anos se mantivera o tipo impositivo do 0’40%, actualmente no 0’50%, e que pasaría ao 0’65%, polo que non procede ningunha subida máis, polo que se se chega a aprobar inicialmente, pedimos que se rectifique e que xa non se expoña ao público para que non se aprobe definitivamente».