A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” organizou un acto público para este venres ás 20:00 horas na antiga Escola de Infantil de Chandebrito para explicar o contido do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Coa finalidade de fomentar a transparencia e a participación, a esta xuntanza pública foron convidadas todas as agrupacións políticas con implantación no Concello de Nigrán, que a maioría xa confirmaron a súa asistencia, para que expoñan, tanto para a parroquia de Chandebrito como para o resto do municipio de Nigrán, a súa opinión sobre o documento do PXOM «exposto parcialmente na páxina web do Concello».
A razón pola que esta asociación veciñal tomou esta iniciativa debeuse a que «o Goberno municipal tiña convocada unha reunión para o 4 de setembro nesta parroquia para explicar o contido do PXOM, pero que a realizou noutra data diferente sen informar publicamente do cambio, co cal gran parte da veciñanza da parroquia non se enterou da celebración e na súa actitude oscurantista negouse a convocar unha nova xuntanza publicitada polo propio goberno municipal«, din.
Por outra parte, esta Agrupación veciñal considera que o documento do PXOM exposto na web municipal debe expoñerse completo e non parcialmente, que ademais dos posibles erros, as suxerencias e observacións feitas pola veciñanza aos técnicos municipais nas citas en marcha organizadas sexan trasladados ao equipo redactor, Goberno municipal e grupos da oposición para o seu coñecemento, «e o que é mais importante, ao comprobarse que o documento exposto agora presenta cambios sustanciais respecto ao documento de Aprobación Inicial, se expoña de novo ao público para que a cidadanía a cal lle cambiaron profundamente a cualificación urbanística das súas propiedades poida alegar», rematan.
