ALFREDO // Un autobús de la empresa ATSA

As persoas afectadas polas deficiencias no servizo de transporte colectivo no concello de Gondomar consideran que só coa mobilización e a denuncia continuada será posible conseguir a reposición e a mellora do servizo. Por esa razón, a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG), convoca unha manifestación para o sábado 15 de setembro, ás 12:00 horas, con saída dende a Estación de Autobuses da vila Condal.

Asimesmo, o pasado luns día 3, a AVTG presentou no rexistro do concello unha iniciativa veciñal solicitando que se levara ao pleno do día 6 para a súa aprobación. Nela, ademais do apoio á manifestación, solicitan a corporación que se inste á Xunta a dar entrada ao concello de Gondomar no transporte metropolitano e a convocar unha reunión entre representantes da Dirección Xeral de Mobilidade, do Concello e da Asemblea Veciñal, co fin de buscar solucións inmediatas á situación de deterioro do servizo de transporte no noso concello.

Esa iniciativa tamén lle foi remitida a todos os grupos políticos representados na corporación para o seu coñecemento antes da celebración do pleno, que finalmente foi suspendido por defecto na convocatoria. Por iso, no caso de que non haxa pleno antes do día 15, desde AVTG invitan ao Goberno e á oposición a que fagan un chamamento público á participación da veciñanza de Gondomar na manifestación convocada pola Asemblea Veciñal en defensa dun transporte público colectivo digno para o noso concello.

Denuncian a actitude do Alcalde pedindo explicacións

Por outro lado, a Asemblea Veciñal por un Transporte digno para Gondomar (AVTG) quere denunciar a actitude do Alcalde que, a través dun WhatsApp enviado á súa voceira, lles solicita explicacións por ter feito un chamamento á asistencia de veciños ao Pleno Municipal que se ía celebrar o pasado xoves.

Mensaxes como esa explican que o Sr. Ferreira leve máis de ano e medio negándose a levar a aprobación definitiva o Regulamento de Participación Veciñal. Un regulamento que foi mellorado respecto da súa redacción inicial coa inclusión de 49 emendas presentadas polas Entidades Veciñais de Gondomar (ademais doutras 13 dos grupos da oposición), e que constituiría a ferramenta necesaria para facer posible a participación real da veciñanza alí onde se toman as decisións que no ámbito municipal lles afectan. Algo fundamental en democracia“, indican dende AVTG.

“Lamentablemente, semella que o Sr Ferreira prefire que a súa interlocución coa veciñanza sexa exclusivamente a través das redes sociais. Un medio no que non hai que confrontar directamente coa xente e onde resulta máis doado ignorar ou eliminar as súas criticas“, finalizan.