JOSIÑO

O Concello de Baiona izou hoxe por primeira vez na historia a bandeira LGTBI, conmemorando así o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBTI.

Despois de despregar a bandeira multicor, a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, leu unhas palabras en apoio ao colectivo:

“Este é un pequeno xesto que marcará unha liña de actuación cara un futuro máis xusto no cal nos comprometemos a traballar para acadar a igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación. Debemos educar ás crianzas en liberdade. Aprenderlles que hai multitude de identidades, que poden ser cis, trans, heterosexuais, bisexuais, lesbianas, homosexuais, intersexuais, ou calquera outra coa que se sintan identificadas».

Ademáis na súa lectura fixo unha pequena rexeña cronolóxica dende o nacemento deste movemento social. «E por último facer fincapé en que as portas do Concello estarán abertas sempre para recibir a tódolos colectivos», sinalou.

Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais, Concepción Vara quixo recalcar que este Arco Iris significa a concienciación e o respecto cara a liberdade sexual de cada individuo, «e faise para reivindicar os dereitos das persoas LGTBIQ+ e loitar contra a violencia e a intolerancia que inda sofre o colectivo«.

Ante este día o alcalde, Carlos Gómez Prado, reiterou que todos somos iguais e que queremos traballar nunha vila inclusiva, na que todos nos sintamos parte.