No acto celebrado este martes, ao que asistiron mais de 80 persoas, foi presentada a candidatura de Esquerda Unida de Nigrán así como as liñas xerais do seu programa electoral que se pode consultar na súa páxina. O programa «que escapa de xeneralidades, detallase en medidas concretas e realizables para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Nigrán».

O cabeza de lista da candidatura, José Cuevas, destacou no acto que a Nigrán «non lle basta cun goberno próximo. Tamén necesita un goberno coherente entre o que di e o que fai, que sexa eficaz na solución dos problemas da veciñanza de tódalas parroquias, transparente e realmente participativo».

José Cuevas tamén destacou que Nigrán necesita unha oposición que controle o goberno e, que sen crispación, sexa crítica coa súa xestión cando este o faga mal. Unha oposición que sexa construtiva con propostas realistas e realizábeis, e que traballe con rigor. Cuevas dixo que «para iso hai que ter un profundo coñecemento da administración local que por iso é necesaria a presenza da candidatura de Esquerda Unida na corporación de Nigrán que saia elixida o próximo 28 de maio».

«Entre as medidas principais incluídas están un Plan de Mellora do Servizos Sociais, a construción dun centro de día no antigo centro de saúde de Panxón, un proxecto máis ambicioso que o centro para maiores que anunciou o goberno de Nigrán e unha mellora da planificación na contratación que realiza o concello», indicou.

Con relación ao PXOM de Nigrán, «destacouse o oscurantismo e a falta de transparencia na súa tramitación, tanto do goberno municipal, como de Augas de Galicia, ao negarse a facilitar os informes sobre o PXOM, tal como obriga a Lei de Transparencia. Anunciouse que cos membros de Esquerda Unida na corporación someteríase o PXOM a un novo período de exposición pública, nin se permitiría unha diminución da reserva de vivenda de protección». Con relación a este punto, José Cuevas lembrou que o «BNG e o PSOE tiraron abaixo unha moción presentada para que non se diminuíra dita reserva».

Vendo os programas electorais que se lle presentan a veciñanza de Nigrán, «no que se repiten promesas incumpridas, fanse promesas de imposible realización por ser competencia de empresas privadas, ou directamente ilegais, a candidatura de Esquerda Unida, que coñece o Concello de Nigrán e somos conscientes da súa complexa xestión, soamente levamos propostas que sexan realizables, que se resumen no documento 50 medidas para que NIGRÁN avance”, finaliza.