Con motivo do Día das Letras Galegas, Lucenza – Ateneo de Nigrán organizou no cemiterio de San Pedro da Ramallosa un acto en memoria de Francisco Fernández del Riego.

O acto iniciouse coa intervención de Delfina Meire, secretaria da asociación, que salientou diferentes aspectos biográficos e da obra deste persoeiro.

A profesora e compañeira da directiva, Camiño Noia, lembrou a continuación ao público presente os vínculos de Francisco del Riego co Val Miñor e deu lectura a un texto deste autor no que se describen estampas e paisaxes da nosa comarca.

O presidente de Lucenza, Xabier Méndez, dirixiuse tamén aos presentes para destacar algúns dos moitos valores do homenaxeado e as moitas razóns de galegos e galegas para lle estar agradecidos.

No acto lembrouse tamén ao poeta, falecido hai poucos meses, Salvador Garcia Bodaño, de quen se leu un poema que el adicara a Francisco del Riego.

«Como remate do acto foi depositado un ramo de flores ao pé da tumba de Don Francisco e a súa muller Evelina e foi interpretada á zanfona, polo músico Bieito Lobariñas, unha marcha tradicional de Pontevedra e o Himno galego, acompañado da voz de todas as persoas que asistiron a este acto», explican dende Lucenza – Ateneo.