Uxía Morán

A deputada provincial de Emprego, Montse Magallanes, e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, asistirán este xoves 19 de xullo, ás 21.00 horas na Praza do Reló, á décimo sétima intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra, a iniciativa provincial para darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas e dar a coñecer a novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

En A Guarda, a protagonista será a recoñecida cantante Uxía, unha das grandes referentes no mundo da música e da poesía galegas. A súa actuación, titulada O poder da música, pretende utilizar esta arte para empoderar e favorecer a autoestima. Ademais, tentará ser participativa polo que se lle pide ao público que traia diferentes instrumentos de percusión (cunchas, pandeiretas, paus, etc.) para formar parte dun canto colectivo que estea cheo de forza.

Uxía (Mos, 1962), comezou a súa andaina artística no ano 1985 cando gañou o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco despois uniuse ao grupo Na Lúa, co que gravou dous discos. Nos noventa retomou a súa carreira en solitario, colaborando con diversos artistas lusófonos, logrando establecer lazos culturais entre esta comunidade e Galicia. Ademais, Uxía é unha prolífica cantante con doce álbums no mercado nos que explora temas como a busca dun espazo para a voz da muller, o diálogo entre culturas ou a poesía contemporánea galega.