A CIG-Correos de Vigo presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo pola falta de medidas eficaces para protexer as persoas traballadoras no desempeño da súa actividade fronte a agresións físicas por parte dunha cidadá.
A central sindical advirte da ineficacia do protocolo activado pola empresa pública Correos e reclama actuacións inmediatas para garantir a seguridade do persoal.
Segundo explica a representación sindical, as persoas traballadoras da unidade de reparto 2 de Vigo levan tempo sufrindo ataques por parte dunha muller residente nas proximidades da oficina.
Con todo, o episodio máis grave produciuse o pasado 7 de maio, cando se rexistrou un intento de agresión física no que a persoa implicada chegou a empregar un coitelo e a lanzar lixivia, ademais de causar danos nas motos do servizo de reparto.
A CIG advirte de que se trata dunha situación de extrema gravidade, xa que “esta persoa ten unha fixación violenta co persoal de Correos e existe un risco real, inminente e grave de que estas agresións se volvan repetir”, segundo sinala a organización sindical.
Engaden ademais que o punto onde se producen os incidentes é o portal de residencia da presunta agresora, situado a escasos 10 metros do centro de traballo da unidade.
Ante este contexto, a central sindical asegura que xa reclamou previamente á dirección de Correos a adopción de medidas urxentes para protexer a integridade do persoal.
Entre estas propostas figuraban a suspensión temporal do servizo de repartición no portal afectado, o contacto coa comunidade de veciños e veciñas para organizar a recollida dos envíos directamente no centro de Correos e a dotación da unidade dun servizo de seguridade que controlase o acceso e impedise a entrada de persoas alleas.
Porén, segundo denuncia a CIG, a resposta da empresa pública limitouse a afirmar que xa se está aplicando o protocolo interno previsto para este tipo de situacións, rexeitando implementar as medidas propostas.
Para a central sindical, esta resposta resulta claramente insuficiente. “Este protocolo é totalmente insuficiente neste caso e non salvagarda a seguridade nin a integridade física do persoal”, subliñan.
En consecuencia, a CIG-Correos de Vigo solicita á autoridade laboral que declare a ineficacia do protocolo aplicado pola empresa neste caso concreto e que ordene á compañía a posta en marcha inmediata de medidas efectivas que garantan a protección e integridade das persoas traballadoras afectadas.
