ALFREDO

A CIG presentou un recurso diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública contra o prego de condicións do concurso de licitación do servizo de Axuda no Fogar do Concello de Gondomar xa que a empresa que resulte adxudicataria non vai poder asumir o custe salarial das empregadas/os. Nas cláusulas fíxase un orzamento en base a un valor de menos de 13 euros por hora, cantidade que é inferior ao custe empresarial da prestación do servizo, que superaría os 14.

En concreto, o Concello establece o prezo da hora en 12,70 euros, “contía que é manifestamente inferior ao custe empresarial para a prestación do servizo”, que segundo os cálculos da CIG sería como mínimo de 14,04. A esta cantidade aínda habería que sumarlle unha serie de variábeis como o complemento por antigüidade do persoal, o índice real de absentismo ou a existencia ou non de horas sindicais, o que sen dúbida incrementará o prezo da hora de traballo.

No recurso presentado pola central sinálase que a determinación dos custes salariais realizouse tendo en conta o convenio colectivo para a actividade de axuda a domicilio de Galiza, que continúa vixente e que establece a revisión automática dos soldos segundo o IPC, tal como sentenciou o TSXG.

Ademais, alértase de que o desaxuste entre o prezo do contrato e o custe mínimo real da hora de servizo provocará que a empresa que resulte adxudicataria non poida cumprir a normativa laboral, “polo que claramente se está a vulnerar o artigo 122.2 da Lei 9/2017”.

Tampouco se cumpre o artigo 100 desta lei xa que non se desglosan os custes salariais, senón que se fixa un prezo hora para días laborábeis e outro para domingos e festivos, sen descrición de ningún tipo, polo que nin se sabe se ese é o valor hora prevista para calquera categoría profesional”. Deste xeito non se ten en conta que para a prestación do servizo, ademais de auxiliares de axuda no fogar, tamén son necesarias/as, cando menos, traballadoras/es sociais.

Aprobación no pleno

Dende a CIG do Porriño explican que o BNG lles trasladou que o Concello pretendía levar ao pleno municipal a aprobación do prego de licitación nestas condicións, “polo que despois de estudalo elaboramos un informe argumentando a nosa oposición, que o Goberno local non atendeu, optando por aprobalo a pesar de que coñecía as cuestións que con posterioridade foron recollidas no recurso presentado tras a aprobación no pleno”.

O obxectivo do recurso contra o prego de condicións é garantir unhas condicións de traballo dignas para as 14 traballadoras/es do servizo e fai parte da campaña que vén de poñer en marcha a Secretaría das Mulleres da CIG baixo o lema ‘A precarización do traballo nos coidados é violencia machista’ co gallo da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o vindeiro 25 de novembro.