El nuevo centro de salud de Gondomar
El nuevo centro de salud de Gondomar

O BNG esíxelle ao alcalde, Paco Ferreira, explicacións pola paralización da posta en funcionamento do novo Centro de Saúde de Gondomar que estaba prevista para a mañá deste venres 8 de novembro.

Desde hai varios días no actual Centro de Saúde podíanse ver carteis anunciando o traslado da atención primaria á nova edificación, e ás persoas con citas a partir do 11 de novembro xa se lles indicaba que serían atendidas no novo centro. Mais, na mañá de onte martes, de xeito imprevisto e sen moitas explicacións, o persoal foi avisado de que se paralizaba o traslado.

Todo parece indicar que se debe a algunha irregularidade nos trámites municipais precisos para a apertura do novo centro, unha mostra máis da improvisación e da pouca rigurosidade no labor de goberno de Paco Ferreira, e tamén da falta de responsabilidade do Sergas e do goberno de Feijóo por ter proposto o traslado sen comprobar previamente que todo estivera en orde”, afirma a voceira municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

«A situación provocada con esta paralización, cos conseguintes trastornos e reaxustes que terán que soportar tanto as persoas usuarias como ao persoal sanitario, vense a sumar ás xa evidentes deficiencias na atención sanitaria en Gondomar provocadas polos continuos recortes en atención primaria. Un clora exemplo é a non cobertura por parte da Consellería de Sanidade dunha praza vacante dende hai unha semana que está a provocar retrasos nas citas de até dúas semanas ou sobrecarga doutras/os médicas/os”, afirma Rodríguez.

O BNG insta a PP e PSOE a que se deixen de enfrontamentos partidistas e que se poñan a traballar coa seriedade que a atención sanitaria require para que o novo Centro de Saúde poida abrir a maior brevidade posíbel e con todas as garantías. «Neste sentido, dende o BNG solicitamos que os gobernos do Concello e da Xunta digan se, tal cual están agora os accesos ao novo centro de saúde, está garantida a seguridade, accesibilidade e evacuación tanto de persoas como de vehículos privados e de emerxencia», explica a voceira nacionalista.