A bailarina e coreógrafa ourensá Marta Alonso Tejada, ofrecerá mañá martes en Baiona o seu espectáculo “Bailar agora”.  Unha actuación que se enmarca no programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra. A representación terá lugar ás 21.00 horas nos Xardíns da Casa de Navegación.

En “Bailar agora”, a artista propón unha parada no corpo para detectar como se instala nel o paso do tempo e situar como se ve afectado polas experiencias, as presións sociais e o contexto. Trátase dunha revisión do vivido e o presente, o aquí e agora do corpo dunha muller de 35 anos que se recoñece e baila. Marta Alonso é bailarina e profesora de ballet clásico, titulada pola Royal Academy of Dance de Londres. Tamén é licenciada en Psicoloxía e está formada en Danza Terapia pola madrileña Fundación Maite de León. O seu traballo como bailarina e creadora está moi ligado á plataforma de creación galega trasPediante, coa que asina e participa en numerosas pezas, e tamén desenvolve unha intensa labor pedagóxica na Escola de Danza Alfaia de Santiago.

A cuarta edición do Programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes disciplinas, como a pintura, a música, a poesía, a danza, o teatro, o grafiti e a performance, que levarán ás súas obras por outros tantos concellos da provincia pontevedresa, co obxectivo de dar visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para recoñecer o traballo das mulleres artistas galegas.