CONCELLO // Pleno de Gondomar. Archivo

A denuncia presentada pola concelleira do BNG, Manuela Rodríguez, diante da Valedora do Pobo debido á reiterada negativa de Ferreira a convocar plenos ordinarios, logra que o Alcalde convoque, despois de catro meses, pleno en Gondomar para o mércores 17 de xuño ás 20:00 horas.

A denuncia presentada o pasado 2 de xuño produciu o seu efecto, o Alcalde viuse obrigado a recuar na súa actitude antidemocrática, e, por fin, temos convocatoria de Pleno da Corporación Municipal”, afirma a voceira do BNG. “Iso sí, a pesar de que non convocou o pleno no día que corresponde (debería ser o primeiro xoves de mes), non tivo a deferencia de llo comunicar á oposición con antelación suficiente, nin de consensuar unha data alternativa.”

O atraso de catro meses na convocatoria de pleno provoca que teña 38 puntos na orde do día, dos que a metade son mocións presentadas polos grupos políticos, a maioría delas relacionadas coa crise COVID-19. «O BNG presentou en forma de moción todas as propostas que ao longo destes meses de alarma e confinamento fomos presentando no Concello e das que non tivemos resposta nin coñecemento do seu percorrido institucional, nin por suposto, información da súa posíbel implantación. Propostas con medidas necesarias para minorar as consecuencias da crise do coronavirus no noso co concello, que permitan aportar solucións nos planos social e económico para os tempos que veñen», explica Rodríguez.

O BNG solicita a participación presencial da corporación no pleno

A convocatoria contempla que o pleno se desenvolva exclusivamente por vídeo conferencia. A portavoz do BNG insta ao Alcalde a posibilitar a participación presencial dos membros da corporación que o desexar, observando todas as medidas de seguridade establecidas, dado que estas xa o permiten.

Así mesmo, e dado que o pleno se celebrará a porta pechada, é dicir, sen público, solicita, se non está xa contemplado, que se habilite a súa difusión en directo para posibilitar que veciñanza poida seguilo a distancia.