Esta mañá, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, recibiron na Casa do Concello á deportista Elsa Pena, que xunto co seu pai estiveron reunidos amosando todo o seu traballo deportivo e o seu extraordinario palmarés.

Nesta recepción, Elsa Pena recibiu un ramo de flores e unha placa, así coma unha carta de distinción na que o alcalde lle transmite as súas felicitacións polos éxitos acadados durante este ano 2019, destacando que «é un referente para a veciñanza da Guarda, non só polos seus meritorios triunfos, senón pola maneira de desfrutar facendo aquilo que lle gusta e pola súa ilusión e gañas».

Elsa Pena ten un palmarés moi importante, tendo disputado e participado en máis de 300 competicións dende os seus inicios, destacando neste ano 2019, entre outros moitos, os seguintes éxitos en probas deportivas:

  • 1º posto no Campionato Galego de Pista cuberta 3000ml en Ourense
  • 2º posto na Copa de Europa de triatlón indoor en Lievin, Francia
  • 1º posto no Clasificatorio para o Campionato do Mundo Triatlón en Madrid
  • 1º posto no Campionato de Europa triatlón relevos mixtos
  • 1º posto no Campionato de Europa triatlón individual por autonomías