A ruta, impulsada pola institución da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 17 de novembro e permitirá observar aves no esteiro do río Miño (A Guarda)
A Deputación de Pontevedra abre este luns 4 de novembro, ás 9:00 horas, o prazo de inscrición para participar na última ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baixas” deste ano. Este derradeiro percorrido, impulsado pola institución provincial da man de Seo/BirdLife, terá lugar o domingo 17 de novembro no esteiro do río Miño, na Guarda. O prazo de solicitude para participar na ruta permanecerá aberto ata o 15 de novembro ás 12:00 horas ou ata completar a capacidade (25 prazas).
O esteiro do río Miño trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000 que conta con gran diversidade de hábitats que atraen numerosas aves. No inverno e nos pasos migratorios poderemos observar aves acuáticas e mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos,pilros ou avefrías), a variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos, mergullóns e tamén aves mariñas como os carráns cristados.
Así mesmo, tamén é posible ver aves rapaces, das que destacan a tararaña das xunqueiras, o lagarteiro común e a aguia pescadora, da que se sobresae a súa espectacular forma de pescar.
As persoas interesadas en participar poderán anotarse a través do formulario publicado no portal web da Deputación. Poderase inscribir a persoa solicitante xunto cun máximo de tres acompañantes.
O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.
O programa “Voando nas Rías Baixas” contemplou en 2024 un total de sete percorridos por espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexido pola Rede Natura 2000. Tratáronse, ademais do que falta por celebrar, o 17 de novembro, no esteiro do río Miño na Guarda, da foz da Ramallosa e praia América (Nigrán), do esteiro do río Lérez e o espazo intermareal Combarro Lourido (Pontevedra-Poio), das ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), da serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), da praia da Lanzada (Sanxenxo e O Grove) e dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo).