A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na actuación de mellora da seguridade peonil na EP2106 A Ramallosa-Parada, no concello de Nigrán, que permitirá habilitar neste viario unha senda ao longo de case un quilómetro, así como a creación dunha plataforma única nun treito de douscentos metros.

O proxecto ten un orzamento de 973.023 euros e son oito as empresas que optan a levar a cabo estas obras tras concluír o prazo de presentación de ofertas. A actuación financiarase a través dun convenio a través do cal a institución provincial aporta o 70% do investimento e o Concello o 30% restante, con fondos propios.

Os traballos desenvolveranse ao longo dun quilómetros desta estrada provincial que ten un total de 4,1 e cunha elevada intensidade media de tráfico, e busca facilitar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas nesta zona próxima á Igrexa de Santiago de Parada e na que están situados varios equipamentos públicos, de xeito que é moi transitada. Para iso, crearase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho pola marxe dereita en case todo o ámbito da actuación, e unha plataforma única nun treito de 200 metros de lonxitude, tendo en conta as condicións da contorna, na cal se prevé a instalación de mobiliario urbano e a reubicación da marquesiña de autobús.

A maiores, o proxecto contempla a execución dunha nova rede de pluviais, así como melloras en diversos servizos urbanos, como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes na actualidade en aéreo e tamén o cambio do alumeado.