A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 94.636 euros para que 17 graduados en ciclos medios de Formación Profesional da provincia, entre eles un alumno do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral.

Trátase da primeira mobilidade do programa Erasmus+ 2023, que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o SEPIE (o Servizo Español para a Internacionalización da Educación) aporta 1,2. Con esta nova saída, ata o momento xa son 32 as persoas que están a gozar das mobilidades internacionais do programa na edición de 2023, que aínda se está a desenvolver.

Estes 17 estudantes, que comezarán as súas prácticas a finais deste mes de abril, viaxarán a Portugal (3), Italia (7), Malta (3), Irlanda (3) e Croacia (1) para completar a súa formación, en estadías que terán unha duración de entre tres e catro meses. Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, “as axudas variarán en función do país de destino e da duración da mobilidade, e van desde os 4.400 euros ata preto dos 6.350 €”.

En concreto, trátanse de sete alumnos do Divino Maestro de Vigo, dous do IES Ricardo Mella de Vigo, dous do IES Audiovisual de Vigo, dous do CIFP A Xunqueira de Pontevedra, un do IES Antón Losada Dieguez da Estrada, un do CPR Daniel Castelao de Vigo, un do EFA Cancela de Vigo e un do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño.

Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionar á mocidade apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitar a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas.