A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 1,4 millóns de euros para que 8 concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 34 persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia.
En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Nigrán, O Porriño, Redondela e Salceda de Caselas. O presidente provincial, Luis López, explicou que “en só tres meses de ano, con estes recursos son xa máis de 15,7 millóns os aprobados ao abeiro deste plan para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.
Así, no marco da liña 1, O Porriño recibirá 124.820 euros para a pavimentación en camiños de Mantelle, Vacaría, A Chan, O Casal, Cerquido e Budiño.
No caso da liña 2, Baiona recibirá 85.877 € para gasto corrente derivado da programación cultural, deportiva e social do concello. Ademais, a Nigrán destinaranse 92.600 euros para o Vive Nigrán (18.000 €), Solpor Monteferro (15.000 €), Nigrán Jazz (15.000 €), Parrulas Fest (7.000 €), Picnic Nigrán (6.000 €), Nigrán Blues (6.000 €), Chandefolk (6.000 €), Carlos Núñez (5.000 €), Cinema a pedal (4.000 €), o Campionato de Europa de surf adaptado (3.800 €), o Campionato do mundo de bolos celtas (3.800 €) e o Primavera Jazz (3.000 €).