A Deputación de Pontevedra sumouse o pasado xoves, 22 de setembro, á celebración do Día Mundial sen Coches coa posta en valor do seu modelo de mobilidade sostible e segura e de recuperación do espazo público para as persoas, que tense consolidado xa como un referente a nivel nacional e internacional. Deste xeito, o vicepresidente provincial, César Mosquera, e deputadas e deputados provinciais percorreron ata oito actuacións que exemplifican a transformación do territorio ao abeiro deste modelo, desenvolvidas nas distintas comarcas da provincia.

César Mosquera declarou nesta xornada internacional que a Deputación procurou estender a nova “filosofía do espazo urbano a tódolos municipios e en coordinación ir executando actuacións que fan que hoxe toda provincia sexa unha referencia na recuperación do espazo público e redución do tráfico”, dixo. “Algunhas obras supuxeron unha transformación enorme e outras foron menores, pero todas das suman para lograr unha mellora de calidade de vida, calidade urbana e que a xente teña menos medo aos coches, menos accidentes e máis espazo para gozar”.

A comarca do Baixo Miño, da man da Deputación, transformouse durante os últimos 7 anos cara o modelo de mobilidade amable e do século XXI que a Administración provincial impulsa. O deputado Carlos Font estivo en Tui, neste Día Mundial sen Coches,  visitando as obras de construción da senda peonil entre Cerquido e Ribadelouro, acompañado do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez. Esta actuación é unha das 69 executadas con financiamento provincial durante este período na comarca. A Deputación investiu máis de 15,5 millóns de euros en actuacións de mobilidade segura nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.

Durante a visita deuse conta de que a obra da nova senda peonil de Cerquido a Ribadelouro, que está a acometer o departamento provincial de Infraestruturas estará rematada dentro de tres meses e non só mellorará a mobilidade peonil, senón que creará un novo espazo de centralidade nesta zona do municipio, a carón das dotacións e equipamentos públicos. Diante da envergadura do espazo público recuperado, a obra inclúe a construción dunha variante do actual trazado da EP-2502. Carlos Font subliñou que esta obra que está a acometer a Deputación en Tui é “un exemplo perfecto da magnitude da transformación que está en marcha en toda a provincia, coas políticas de mobilidade e o modelo da Deputación en primeiro plano”. Destacou que o mellor xeito de celebrar o Día Mundial Sen Coches é dando conta, diante da cidadanía, de todo “o inxente traballo feito nestes 7 anos” recuperando miles de metros de espazo público para as persoas e  acabando co uso case exclusivo que antes había por parte dos vehículos.

Con cargo ao Plan Concellos executáronse 43 obras de mellora da mobilidade peonil cun investimento total nesta comarca de case 6,7 millóns de euros. Entre as actuacións destaca o camiño escolar seguro para o colexio Manuel Rodríguez Sinde, a mellora da mobilidade peonil na rúa Coruña ou da Subida a San Amaro (A Guarda); a renovación da contorna do Calvario (O Rosal), a mellora da accesibilidade da Escola de Loureza (Oia), a mellora da mobilidade peonil e ciclable en República Argentina, a integración do campo da feira no espazo público de Seixo, ou a contorna da praza de Figueiró (Tomiño); a mellora do acceso á praia dos Arrieiros, a mellora das beirarrúas da rúa Colón ou a ruta peonil e ciclista entre Loureiro e Veiga Louro (Tui).

Cos plans extraordinarios de equipamentos convocados nestes 7 anos pola Deputación executáronse un total de 6 actuacións cun valor acumulado de case 3,2 millóns de euros. Con cargo ao Plan DepoRemse executouse a obra de mobilidade amable nas rúas Vigo e Celta (A Guarda); a mellora da mobilidade e da seguranza viaria na praza do Seixo (Tomiño) e a humanización de toda a contorna do núcleo da Torre-Paramos (Tui) tralo suceso da explosión da pirotécnica. Finalmente, con financiamento do plan ReacPon, actualmente en execución, están a acometerse as obras de remodelación da praza do Calvario (O Rosal), a humanziación da praza do Campo de Burgueira (Oia) e a humanización das rúas Antero Rubín e Canónigo Valiño (Tui).

O departamento provincial de Infraestruturas tamén acometeu 9 actuacións relacionadas coa mellora da mobilidade peonil nas estradas provinciais desta comarca por un importe total de máis de 7 millóns de euros. Entre elas a mellora peonil no acceso ao porto da Guarda, o primeiro treito da senda peonil entre Tabagón e Goián (O Rosal); a gran obra da conexión da EP-3102 Tomiño Sabarís coa estrada autonómica PO-334 ao paso polo núcleo do Seixo (Tomiño); a senda peonil do camiño seguro ao colexio Pedro Caselles (tamén en Tomiño) e, para rematar, as obras de mobilidade integral na parroquia de Caldelas, en Ribadelouro e Rebordáns (Tui).

O investimento provincial a prol da mobilidade segura e a recuperación do espazo público para as persoas complétase coas 11 subvencións por un total de case 650.000 euros para a redacción dos plans de mobilidade urbana sustentable (PMUS), financiamento de camiños escolares seguros, construción de elementos de calmado de tráfico a través das tres convocatorias do plan Móvese e, finalmente, financiamento para a redacción de proxectos de recuperación de espazo público a través do plan Ágora.