O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa a aprobación dun novo convenio co Concello de Oia, a través do cal se destinarán 165.000 euros para mellorar a mobilidade peonil na EP-2202 Baiona – Loureza.

Deste orzamento, a Deputación financiará o 80%, é dicir, máis de 130.000 euros, e o Concello o 20% restante e o importe resultante das expropiacións, case 35.000 €.

As obras nesta estrada provincial ao seu paso por Oia contemplan a creación dun itinerario peonil de 170 metros de lonxitude á altura do quilómetros 17, mediante a construción dunha senda peonil de formigón coloreado de 2,50 metros de ancho pola marxe esquerda da estrada, para o que será necesario executar muros de sostemento.

Inclúe tamén a pavimentación da calzada no treito da actuación, a renovación da rede de drenaxe, a execución dun novo paso de peóns sobreelevado, o acondicionamento dunha zona verde, a renovación do alumeado público e, entre outras actuacións, a colocación de mobiliario urbano.

“Este ano xa desenvolvemos nesta mesma estrada obras de mobilidade e seguridade no seu tramo inicial, situado no concello de Baiona e, agora, seguimos dando pasos na súa mellora”, explicou López. Unhas obras, as de Baiona, nas que se investiron 120.000 euros e incluíron a ampliación de beirarrúas, a renovación do pavimento e a mellora da sinalización.